Novas

xoves, 14 de maio de 2020

O goberno local adxudica o arranxo da estrada de Catabois a Mandiá e o aglomerado do Camiño das Cabazas

A primeira actuación executarase por un importe superior aos 72.000 euros e a segunda por 31.000 euros


O goberno local vén de adxudicar as obras do aglomerado da estrada Catabois-Mandiá á empresa Francisco Gómez y Cía S.L. por un importe de 72.232 euros (IVE incluído). Trátase dunha actuación do Plan de Obras e Servizos (POS) 2017 que contempla a renovación da capa de rodadura nin tramo de 1.457 metros (7.214 metros cadrados de superficie total) mediante a aplicación de 6 centímetros de pavimento asfáltico realizado con mestura bituminosa continua en quente e, nos casos que sexa necesario, poñeranse á nova cota as tapas dos pozos e arquetas de abastecemento e saneamento. 


Previamente levaranse a cabo traballos de limpeza completa e profunda da superficie e executarase o perfilado e refino das cunetas, que en algúns puntos construiranse revestidas cunha capa de formigón de 15 centímetros e armado con malla electrosoldada. Tamén se rebacheará e saneará o firme con pavimento asfáltico. 

Por último, acometerase a sinalización viaria. A vertical consistirá na disposición de sinais de aceiro galvanizado, octogonais, de 90 centímetros de altura con retrorreflectancia. As horizontais serán marcas continuas retrorreflectantes en seco, de 15 centímetros de anchura, compostas por unha mestura de pintura acrílica de cor branca e microesferas de vidro. O prazo de execución será dun mes. O contrato formalizarase en 15 días e a continuación poderán empezarán as obras. 

O goberno local tamén vén de adxudicar as obras de aglomerado no Camiño das Cabazas-Pedra Blanca (Covas) á empresa Canarga S.L. por un importe de 31.300 euros (IVE incluído). Trátase dunha actuación incluída na relación de proxectos do POS adicional 2016 da Deputación da Coruña, coa que o Concello rematará dito plan. Executaranse os traballos necesarios para estender unha capa de aglomerado sobre os pavimentos existentes nunha superficie de 2.716 metros cadrados. Tamén labores de desbroce e perfilado de cunetas a fin de canalizar as augas superficiais e mellorar a vida útil da vía. O prazo de execución será dun mes. O contrato formalizarase en 15 días e a continuación poderán empezarán as obras.

Inversións e servizos, unha prioridade 
Julián Reina, concelleiro de Urbanismo, dixo que é unha “boa noticia” adxudicar dúas obras, é unha mostra de que estamos desatascando compromisos adquiridos que precisaban resolverse desde hai anos”. As “inversións e os servizos”, apuntou, son a “prioridade do departamento de Contratación, o que nos permitirá atender aos nosos veciños, dinamizar a economía e tamén contribuír a que as consecuencias do covid-19 teñan o menor impacto posible na nosa cidade”. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar