Novas

venres, 15 de maio de 2020

O paseo da Malata estará aberto aos peóns durante a fin de semana

O concelleiro de Urbanismo agradeceulle á Xunta a rapidez coa que adoptou a decisión de atender esta solicitude do Concello, mesmo antes de que se abordase na reunión da comisión de seguimento das obras celebrada esta mañá


O paseo da Malata estará aberto aos peóns durante a fin de semana

O tramo do paseo da Malata situado entre o acceso ao porto e o parque biosaludable abrirase esta tarde ao paso de peóns. Así o ratificaron os representantes de Augas de Galicia na reunión da comisión de seguimento das obras que se celebrou de forma telemática esta mañá. O concelleiro de Mobilidade, Julián Reina, avanzou a semana pasada, tras visitar os traballos de saneamento, que trasladaría ao organismo dependente da Xunta esa solicitude. Tamén informou da proposta na comisión informativa de Medio Ambiente e Urbanismo celebrada o pasado mércores, onde contou co apoio de todos os grupos municipais. 


Reina agradeceulle á Xunta de Galicia a boa disposición que mostrou á hora de facilitarlle á cidadanía máis espazo para camiñar e tamén a axilidade coa que tivo en conta a proposta, xa que mesmo antes da reunión xa manifestou publicamente a súa intención de atender a solicitude do Concello de Ferrol. 

Durante as últimas semanas, coincidindo co período de confinamento, non estivo permitido camiñar desde o inicio da ponte peonil, polo paseo da Mariña, ata a rotonda da saída da autovía á altura do estadio municipal. Desa maneira tratouse de axilizar os prazos da obra. 

Agradecemento á empresa que executa os traballos 
Despois de que Galicia entrara na fase 1 da volta á normalidade, o edil mostrou a súa vontade de poñer a disposición dos viandantes de Ferrol o maior espazo posible, co obxectivo de que poidan gardar a distancia de seguridade mentres fan actividade física. Ademais de á Xunta e a Augas de Galicia, Reina quixo tamén dar as grazas á empresa que executa os traballos, posto que a reapertura supón certa complexidade técnica, segundo puido comprobar de primeira man hai uns días. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar