Novas

venres, 15 de maio de 2020

Benestar Social e a UDC estudian a posta en marcha dun servizo de atención podolóxica para persoas sen teito e en exclusión social

A concelleira Eva Martínez e a vicerreitora do campus de Ferrol, María Jesús Movilla, mantiveron onte unha reunión telemática para concretar a prestación. A edil tamén abordou con responsables da Oficina de Cooperación e Voluntariado da universidade fórmulas de colaboración coa oficina municipal


A concelleira de Benestar Social e Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, mantivo onte unha reunión telemática coa vicerreitora do campus de Ferrol da UDC, María Jesús Movilla, na que concretaron fórmulas para poñer en marcha unha colaboración entre o departamento de Podoloxía e o Concello de Ferrol co fin de atender a persoas sen teito e en exclusión social. 


A intención é, segundo explicou a responsable dos servizos sociais municipais, analizar a “posta en marcha dunha atención podolóxica ás persoas máis vulnerables en coordinación coa UDC, e nos próximos días seguiremos avanzando neste asunto”. 

No encontro de onte tamén se trataron outros asuntos, como a vontade de ambas partes para mellorar, incrementar e optimizar recursos no ámbito do voluntariado. Para elo, a concelleira abordou con responsables da Oficina de Cooperación e Voluntariado do campus de Ferrol diferentes fórmulas para colaborar coa do Concello de Ferrol. 

Recuperación do patrimonio histórico 
Martínez manterá o próximo mércores unha reunión coa decana da facultade de Humanidades e Documentación do campus de Ferrol para abordar medidas na recuperación do Patrimonio Histórico da cidade. “O noso obxectivo”, explicou a concelleira, é “implicar de forma máis intensa á UDC na candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial”.  

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar