Novas

venres, 15 de maio de 2020

O edil de Urbanismo solicitará formalmente á Xunta que encamiñe de xeito definitivo o proxecto de saneamento do río da Sardiña

A comisión de seguimento das obras da Malata tratou hoxe esta actuación, que Julián Reina considera “obrigada”


O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, avanzou durante a reunión da comisión de seguimento das obras da Malata, na que participou esta mañá, que vai solicitar unha entrevista coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, para pór en común a situación do saneamento do río da Sardiña. Para o edil, trátase dunha actuación “prioritaria”. Segundo lembrou, a propia conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, manifestou recentemente que o obxectivo da Xunta é completar o saneamento da Malata, algo para o que, explicou Reina, é indispensable acometer o proxecto referido a este río que desemboca na zona. 


Na xuntanza da comisión (da que forman parte o propio concelleiro, un técnico municipal e dous membros de Augas de Galicia) xa se tratou sobre este proxecto que o Concello defende como incluído no convenio coa Administración autonómica. Reina lembrou tras o encontro, realizado de xeito telemático, que executalo é unha “obriga” para todas as partes implicadas e defendeu a necesidade de encamiñar canto antes, e de xeito definitivo, os trámites para convertelo en realidade. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar