Novas

venres, 15 de maio de 2020

O Concello homenaxeará a Carvalho Calero o Día das Letras Galegas cun sinxelo acto na praza de Armas

A Xunta de Voceiros do Concello de Ferrol tratou nunha reunión celebrada esta mañá a conmemoración do 17 de Maio. O alcalde di que o estado de alarma obriga a aprazar a “celebración multitudinaria que merece” o ilustre ferrolán


O Concello homenaxeará a Carvalho Calero o Día das Letras Galegas cun sinxelo acto na praza de Armas

O próximo domingo celebrarase o Día das Letras Galegas, cuxo protagonista este ano é o escritor e profesor ferrolán Ricardo Carvalho Calero. O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, anunciou que debido ao estado de alarma o Concello de Ferrol homenaxeará ao ilustre veciño cun sinxelo acto que terá lugar ás 12.30 horas ante o pazo municipal, na praza de Armas. Así o acordaron os portavoces dos grupos municipais durante a Xunta de Voceiros celebrada esta mañá de xeito telemático. 


A esa hora despregarase unha lona coa imaxe do primeiro catedrático de lingua galega na historia e o alcalde pronunciará unhas palabras. A continuación, un cuarteto do Toxos e Froles interpretará o himno galego. 

Mato explicou que dadas as circunstancias actuais o Concello recordará este domingo a Ricardo Carvalho Calero, “unha das figuras clave da nosa cultura”, nun acto íntimo e discreto. “É unha mágoa”, dixo, “pero debemos evitar a celebración multitudinaria que merece”. Máis adiante, e cando a situación o permita, lembrou o alcalde, “desde o Concello renderémoslle o sincero homenaxe que todos os veciños de Ferrol desexamos”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar