Novas

domingo, 17 de maio de 2020

O Concello únese á petición para que as Letras Galegas do 2021 volvan estar dedicadas a Ricardo Carvalho Calero

O alcalde, acompañado por dous representantes de cada grupo municipal, presidiu hoxe na praza de Armas un acto de homenaxe “ao noso máis grande lingüista” que rematou coa interpretación do himno por parte dun cuarteto do Real Coro Toxos e Froles


O Concello únese á petición para que as Letras Galegas do 2021 volvan estar dedicadas a Ricardo Carvalho Calero

O Concello conmemorou hoxe o Día das Letras cun pequeno acto presidido polo alcalde, Ángel Mato, e ao que asistiron dous representantes de cada grupo municipal, entre eles, os catro voceiros: Julián Reina (PSOE), José Manuel Rey (PP), Jorge Suárez (FeC) e Iván Rivas (BNG). Os outros catro membros da corporación foron o primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Cultura, Antonio Golpe; Martina Aneiros, edil do PP; Jesús Basterrechea, de FeC, e María do Mar López, do BNG. Tamén estivo presente unha sobriña de Carvalho Calero, Montserrat Blanco Carballo. 


A homenaxe consistiu no despregamento dunha gran imaxe de Ricardo Carvalho Calero na fachada do pazo municipal e nunha pequena intervención do rexedor, que confirmou que o Concello se une á petición para que o próximo ano as Letras Galegas volvan estar dedicadas “ao noso máis grande lingüista”, tal e como coincidiron os portavoces municipais na Xunta de Voceiros celebrada esta semana. 

O acto, que presenciaron dende a distancia moitas das persoas que nese momento se atopaban na praza de Armas, rematou coa interpretación do himno galego por parte dun cuarteto do Real Coro Toxos e Froles.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar