Novas

martes, 19 de maio de 2020

A campaña “Se non podes, imos nós” realizou xa preto de 450 servizos desde o inicio da crise sanitaria

O goberno local puxo en marcha a iniciativa para dar servizo ás persoas illadas ou con mobilidade reducida que necesiten axuda para realizar a compra de alimentos e medicamentos


A campaña “Se non podes, imos nós” realizou xa preto de 450 servizos desde o inicio da crise sanitaria

O Concello de Ferrol, a través da campaña “Se non podes, imos nós”, realizou desde o inicio da crise sanitaria polo covid-19 preto de 450 servizos a persoas que nestes momentos se atopan en illamento sanitario ou teñen mobilidade reducida e non poden saír a mercar alimentos ou medicamentos e tampouco teñen un familiar que poida realizar ditas tarefas. A través da concellería de Seguridade, que dirixe Germán Costoya, a agrupación de Protección Civil encárgase de atender as peticións das persoas máis vulnerables e acude por eles a adquirir produtos de primeira necesidade. 


Foi unha das primeiras medidas impulsadas polo Concello de Ferrol ante a situación excepcional provocada pola declaración de estado de alarma por parte do Goberno central. Púxose en marcha, explicou o edil, co fin de “protexer e coidar aos nosos veciños máis vulnerables nestes difíciles momentos que estamos a vivir”, e lembrou que a campaña é totalmente de balde e para solicitalo hai que chamar aos números de teléfono 981 320 000 ou 698 126 700. 

Neste senso, o responsable de Seguridade aplaudiu o “excepcional e intenso” traballo que Protección Civil está a facer. “Axudan a aqueles que máis o necesitan e todos estamos moi agradecidos”, dixo. “Os ferroláns deben saber que poden contar co seu Concello”. Na actualidade, explicou, e unha vez iniciada a desescalada, descendeu considerablemente a demanda do servizo.

Estrito protocolo de seguridade 
A campaña “Se non podes, imos nós” impulsada polo Concello inclúe un estrito protocolo de actuación. Unha vez recibida a chamada, realízase unha primeira recollida de datos do solicitante e se lle informa das medidas que debe adoptar dependendo do servizo requirido, como por exemplo a necesidade de abrir o portal ou a porta de acceso á vivenda ou a retirada de dous metros do límite da entrada. Ditas instrucións son repetidas a través do telefoniño ou da entrada á vivenda. O solicitante debe firmar un documento que recolle a compra a realizar e o diñeiro entregado. 

Mentres os dous voluntarios están na vivenda do solicitante, o condutor do vehículo prepara o kit de desinfección para o diñeiro, o vale para alimentación ou a tarxeta sanitaria no caso de medicamentos. Todos os voluntarios de Protección Civil levan os EPI (equipos de protección individual) e o material sanitario necesario en base á normativa. Unha vez no supermercado ou na farmacia, adoptan todas as medidas establecidas nos protocolos sanitarios. De volta á vivenda do solicitante, séguense as mesmas medidas de actuación que na primeira visita. Por último, á chegada á base realízase unha limpeza e desinfección en profundidade do vehículo e do material empregado. 





Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar