Novas

martes, 19 de maio de 2020

O Centro de Información á Muller atendeu unhas 260 consultas desde o inicio da crise sanitaria

Cristina Prados indicou que “as veciñas da cidade poden sentirse atendidas pola súa administración máis próxima”


O Concello de Ferrol, a través do Centro de Información á Muller (CIM) da Casa da Muller, atendeu desde a declaración do estado de alarma, a mediados de marzo, ao redor de 260 consultas. Desde o inicio do confinamento tanto o servizo psicolóxico como xurídico mantivéronse operativos a través do teléfono. 


No primeiro caso, durante estes dous meses recibíronse unhas 200 chamadas para consultar novos recursos postos en marcha como consecuencia da crise sanitaria, a tramitación de axudas, a derivación ao Banco de Alimentos Rías Altas ou aos servizos sociais do Concello. Tamén se mantén o contacto co departamento de psicoloxía clínica do Hospital Naval, Cruz Vermella, os xulgados e a Casa de Acollida, segundo explicou Cristina Prados, concelleira de Muller e Igualdade. 

O servizo de atención psicolóxica do CIM mantén desde o inicio do estado de alarma as terapias de grupo que viña realizando e que agora se celebran de forma telemática. Tamén continúa en marcha o programa Volvoreta, un curso dirixido a mulleres en situación de especial vulnerabilidade. O servizo atende consultas de 9 a 14 horas de luns a venres no número de teléfono 981 944 124, e tamén emerxencias. 

Prados explicou que a Casa da Muller, en colaboración con Almat (Asociación de loita contra os malos tratos) recibe chamadas as 24 horas do día, polo que “as veciñas da cidade poden sentirse atendidas pola súa administración máis próxima”. Foi no pleno do pasado 27 de abril cando se aprobou por unanimidade as subvencións nominativas da concellería que dirixe, entre elas unha de 6.500 euros para Almat.

Tamén asesoría xurídica 
O servizo xurídico do Centro da Información da Casa da Muller, tamén operativo desde o decreto do estado de alarma, atendeu neste tempo unhas 60 consultas telefónicas, das que preto da metade derivaron na tramitación de diferentes xestións xurídicas. Tamén mantén a colaboración coa Policía Nacional. Para contactar co servizo xurídico hai que chamar de 9 a 14 horas de luns a venres á central do Concello de Ferrol (981 944 000) e marcar a extensión 673. 

Cristina Prados, quen encomiou o traballo que están a desenvolver os traballadores da Casa da Muller, reiterou que “aquelas veciñas que presenten algunha necesidade non dubiden en chamar ao CIM”. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar