Novas

mércores, 20 de maio de 2020

A tarifa “sen actividade” decretada polo alcalde para os locais pechados aforroulles a máis de 800 negocios 123.000 euros no recibo de Emafesa

O cambio supuxo para os establecementos pasar de pagar case 150 euros de media a aboar unicamente unha cantidade situada entre os 27,66 e os 28,28 euros durante marzo-abril. O alcalde, Ángel Mato, destaca que todas as axudas aos emprendedores que pon en marcha o Concello son froito do esforzo “de toda a cidadanía, non dunha administración”


A tarifa “sen actividade” decretada polo alcalde para os locais pechados aforroulles a máis de 800 negocios 123.000 euros no recibo de Emafesa

O 92 % dos negocios ferroláns que solicitaron a Emafesa acollerse á tarifa “sen actividade” beneficiáronse desta medida decretada polo alcalde, Ángel Mato, o pasado 9 de abril como parte do plan do Concello para paliar os efectos económicos da covid-19. En total, os establecementos con dereito a este cambio de tarifa son 823, que suman un aforro de 122.764,87 euros na factura do bimestre marzoabril, o que supón unha media próxima aos 150 euros.


Eses 823 usuarios representan a cuarta parte dos abonados comerciais e industriais, aos que a Empresa Mixta de Augas de Ferrol lles xira cada dous meses o recibo, correspondente ao servizo que presta, á recollida do lixo, ao canon da Xunta e ao canon de Sogama. O cambio á situación de “sen actividade” supuxo a eliminación directa destes dous últimos conceptos no pago de marzo-abril, mentres que o primeiro quedou reducido a unha cantidade entre os 5,26 e os 5,88 euros, e o segundo, a un fixo de 22,40 (en total, de 27,66 a 28,28 euros). 

Nestes casos, a factura tampouco inclúe os consumos de auga, ante a imposibilidade de realizar as lecturas dos contadores debido á epidemia e entendendo que para os negocios pechados deben ser gastos practicamente inexistentes, polo que engadir un importe estimado sería sempre prexudicial para o usuario. No caso de haber consumo, compensaríase en futuros recibos.

Aprazamento dos atrasos da taxa de depuración 
A medida levaba aparellada tamén a suspensión temporal do cobro dos atrasos da taxa de depuración. Neste caso, con carácter xeral para todos os usuarios, tamén os particulares, unha decisión que se adoitou debido ás “excepcionais circunstancias” e para non agravar máis a situación económica da cidadanía. 

Durante o prazo establecido no decreto da alcaldía do 9 de abril, que remataba o último día dese mes, Emafesa recibiu 892 solicitudes. Delas, aprobáronse as citadas 823, mentres que 51 procedían de negocios con actividades non contempladas no Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declarou o estado de alarma, para o seu peche. O resto, outras 18, estanse a analizar debido a cuestións como falta de documentación, que existan pagos previos pendentes ou outras circunstancias similares. 

A posibilidade de acollerse á tarifa “sen actividade” foi a segunda medida posta en marcha polo Concello para favorecer a economía local. Antes, xa se modificara o calendario do contribuínte para aprazar os pagos, e incluso bonificar algúns, como é o caso da taxa de terrazas. Esta flexibilidade fiscal foi estendida de novo este mesmo mes a causa da prolongación do estado de alarma. Dentro deste paquete de iniciativas en favor do tecido empresarial ferrolán, o goberno local promoveu, co acordo de todos os grupos políticos da corporación municipal, o Plan de Mellora para a Empregabilidade, unha serie de axudas a autónomos e pequenas empresas por valor de dous millóns de euros que se están a tramitar nestes momentos. Os membros destes colectivos afectados pola crise da covid-19 poden solicitalas ata o próximo 5 de xuño.

Unha axuda da cidade para os seus emprendedores 
O alcalde destacou, tras coñecer os datos do número de negocios que se acolleron ao cambio de tarifa, que todas as medidas de apoio a autónomos e pequenas empresas que está a pór en marcha o Concello, co acordo de toda a corporación, son, en realidade, “unhas axudas que toda a cidade, todos os contribuíntes ferroláns, co seu esforzo, lle prestan ao seu tecido económico”. “Os emprendedores que se benefician delas deben ser conscientes de que reciben o apoio de toda a cidadanía, non dunha administración”, dixo Ángel Mato. 

  

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar