Novas

mércores, 20 de maio de 2020

A comisión informativa de Urbanismo ditamina a favor da composición da Mesa de Contratación Permanente para os expedientes competencia do pleno

O comezo da tramitación dos contratos de maior contía económica implica a constitución deste órgano de asistencia


A comisión informativa de Urbanismo ditamina a favor da composición da Mesa de Contratación Permanente para os expedientes competencia do pleno

A Comisión Informativa de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación, presidida por Julián Reina, ditaminou na súa reunión de hoxe a proposta de composición da Mesa de Contratación Permanente como órgano de asistencia nos expedientes de contratación competencia do pleno da corporación. Os membros do PSOE e do PP mostráronse a favor do documento presentado polo concelleiro responsable de Contratación, mentres que os de FeC e BNG reservaron a súa posición para o pleno que deberá aprobar esta proposta. 


A composición que está contemplada nela é a seguinte: como presidente figurará o concelleiro de Urbanismo e Infraestruturas, Mobilidade, Vivenda e Rehabilitación, Contratación, Centro de Recursos Informáticos e Organización Interna; como vogais, o concelleiro do servizo propoñente do contrato, o secretario xeral da corporación, a interventora xeral da corporación, o xefe do servizo de Contratación e o xefe do servizo diretamente relacionado por razón da materia co expediente de contratación, e como secretaria, a xefa do negociado de Contratación. Todos estes membros terán voz e voto, a excepción da secretaria da mesa, que só terá voz. Durante a xuntanza celebrada esta mañá acordouse incluír tamén a un representante de cada grupo municipal. 

A constitución do órgano de asistencia para os expedientes de contratación competencia do pleno está motivada polo inminente inicio da tramitación do contrato de servizo de axuda no fogar, o primeiro do presente mandato que se deberá aprobar pola maioría da corporación municipal e ao que sucederán, entre outros, o de mantemento de xardíns e o de limpeza e recollida de residuos urbanos. 



Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar