Novas

xoves, 21 de maio de 2020

A mesa de negociación do Concello aproba as bases para cubrir xefaturas e postos de supervisor e a promoción de administrativos

A concelleira de Economía e Recursos Humanos, María Teresa Deus, defendeu onte as convocatorias de ambos concursos, que contaron co visto bo dos sindicatos


A concelleira de Economía e Recursos Humanos, María Teresa Deus, presentou onte na reunión da mesa de negociación do Concello de Ferrol —da que forman parte UGT, CC.OO., CIG e CSIF— as bases da convocatoria do concurso para cubrir 19 postos vacantes entre xefaturas de negociado e supervisores, que contaron co apoio dos sindicatos CC.OO. e UGT e as abstencións de CIG e CSIF. A edil tamén levou as bases para o concurso de méritos para a promoción interna de catro postos de administrativos, que se aprobaron co acordo de todos os representantes sindicais a excepción da CIG, que se abstivo. 


En ambos concursos poderá participar o persoal do Concello que pertenza a calquera dos grupos aos que estea aberto o posto ao que se aspira. Os candidatos deben ter a titulación académica esixida e deberán pasar máis de dous anos dende a obtención do último posto. 

Os concursos realizaranse mediante a valoración de méritos xerais tendo en conta a antigüidade, a valoración do traballo desenvolvido, o grao persoal consolidado, os cursos de formación e perfeccionamento e o nivel de coñecemento da lingua galega.

Apoio dos sindicatos para a constitución do Comité de Seguridade e Saúde 
A concelleira tamén anunciou que no día de onte quedou constituído o Comité municipal de Seguridade e Saúde, integrado por un representante de cada un dos grupos municipais e un membro de cada un dos sindicatos con representación no Concello. O organismo xa ten establecidos programas de actuación e protocolos de seguridade para levar a cabo o plan de desescalada de acordo coa normativa vixente. Durante a sesión de constitución, a concelleira propuxo a creación dun regulamento para o novo comité, que xa está a ser redactado. 

María Teresa Deus destacou a “boa disposición” tanto dos grupos municipais como dos representantes sindicais “para chegar a acordos comúns” en “un asunto tan importante como é a seguridade dos nosos traballadores”. 



Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar