Novas

xoves, 21 de maio de 2020

A Mesa Técnica sobre Persoas Sen Teito avanza na xestión da desescalada

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez, presidiu hoxe unha nova reunión do organismo, na que se acordou o peche do albergue provisional da Casa do Mar para finais de maio


A Mesa Técnica sobre Persoas Sen Teito avanza na xestión da desescalada

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, presidiu esta mañá unha nova reunión da Mesa Técnica sobre Persoas Sen Teito á que acudiron representantes de Cáritas, Cruz Vermella, o albergue Pardo de Atín, Dignidad e da área de Saúde Mental do hospital Arquitecto Marcide. No encontro, e en previsión de pasar á fase 2 a próxima semana, o grupo determinou o peche do albergue provisional da Casa do Mar, aberto en marzo, para finais deste mes. Actualmente conta con cinco usuarios para os que xa se tramitou unha alternativa habitacional. 


Tamén na reunión de hoxe determinouse que a partir do próximo luns, 25 de maio, será a agrupación de Protección Civil a encargada de levar os menús aos usuarios da Casa do Mar. Pola súa parte, as preto de 30 persoas que actualmente residen no albergue Pardo de Atín poderán recoller na Cociña Económica os seus menús diarios e tomalos na cafetería que Cáritas puxo a disposición deste colectivo. Neste sentido, a concelleira dixo que o Concello ofreceu un local municipal pero os membros da mesa decidiron esta mañá que a mellor opción era aproveitar o ofrecemento de Cáritas ata que a Cociña Económica abra o seu comedor.  

Unha nova revisión 
A edil anunciou que a concellería de Servizos Sociais vai revisar de novo a lista de persoas que reciben menús da Cociña Económica co fin de estudiar a posibilidade de desviar usuarios a outras prestacións sociais postas en marcha polo seu departamento, como é o caso dos vales para alimentos. Tal e como “xa fixemos en anteriores ocasións desde o inicio da crise sanitaria, imos repasar a relacións de usuarios co fin de aliviar a carga de traballo da Cociña Económica”. 

Nova data para o Consello Sectorial de Benestar Social 
Tamén esta mañá celebrouse a comisión informativa de Benestar Social, na que a concelleira propuxo ao resto de grupos municipais celebrar a primeira semana de xuño unha nova reunión do Consello Sectorial de Benestar Social para estudiar as diferentes achegas aos estatutos do futuro organismo e proceder a súa aprobación no pleno do próximo mes. 




Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar