Novas

venres, 22 de maio de 2020

O Concello pedirá a integración da Universidade no órgano que tramitará a candidatura de Ferrol a patrimonio mundial

A concelleira Eva Martínez Montero trasladará á Xunta de Galicia a súa vontade de que a institución académica e o campus da cidade formen parte da xestión da proposta . A edil solicitou a pasada semana unha reunión coa Dirección Xeral despois de que a prevista para o mes de marzo finalmente non se celebrara pola crise sanitaria da covid-19


O Concello pedirá a integración da Universidade no órgano que tramitará a candidatura de Ferrol a patrimonio mundial

O Concello de Ferrol, a través da concellería de Patrimonio Histórico, que dirixe Eva Martínez Montero, vai retomar a xestión da candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial, para o que a edil xa comezou a dar os primeiros pasos.  


O pasado venres solicitou á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia unha reunión para avanzar na elaboración do expediente e “definir o órgano de xestión que se encargará da candidatura da nosa cidade”, explicou Martínez. Neste senso, a edil considera “fundamental” que a Xunta participe de forma activa na xestión ao tempo que destacou o seu labor desenvolvido ata o momento. Ambas administracións tiñan prevista unha reunión o pasado marzo, pero finalmente non se celebrou polo avance da crise sanitaria causada pola covid-19. 
 
Colaboración na posta en valor do patrimonio 
No próximo encontro, Martínez solicitará á Dirección Xeral que a Universidade da Coruña (UDC) e o campus de Ferrol, a través da facultade de Humanidades, formen parte do órgano de xestión da candidatura a Patrimonio Mundial. Para abordar este asunto, esta mesma semana a edil mantivo unha reunión coa vicerreitora do campus de Ferrol, María Jesús Movilla, e coa decana da facultade de Humanidades, Manuela del Pilar Santos Pitas, na que lles trasladou a súa vontade de integrar a súa comunidade educativa na misión de preparar a proposta da cidade. “Coincidimos na importancia de que desde Humanidades se pilote a participación da Universidade na candidatura”, dixo a edil, e destacou a “boa disposición” mostrada durante a reunión. Na xuntanza tamén abordaron a posta en marcha de outras medidas conxuntas co fin de poñer en valor o conxunto do  patrimonio histórico da cidade. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar