Novas

martes, 02 de xuño de 2020

Mato destaca o “esforzo” dos membros de Protección Civil durante a crise sanitaria e “o seu compromiso coa sociedade”

O alcalde, acompañado polo edil de Seguridade, Germán Costoya, visitou a central da agrupación, no parque Raíña Sofía, para apoiar a campaña de captación de voluntarios


Mato destaca o “esforzo” dos membros de Protección Civil durante a crise sanitaria e “o seu compromiso coa sociedade”

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, visitou onte a central da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, no parque Raíña Sofía, acompañado polo concelleiro de Seguridade, Germán Costoya, para agradecerlles aos seus membros o seu “traballo e esforzo” durante a crise sanitaria pola covid-19 e apoiar a campaña de captación de novos voluntarios que acaban de pór en marcha. 


O rexedor percorreu as instalacións da agrupación, a central de chamadas e as zonas de traballo desde as que xestionan o seu labor. Aproveitou o seu encontro cos membros de Protección Civil para escoitar as súas necesidades e destacar o seu “permanente compromiso co conxunto da sociedade”. Pola súa “entrega e dedicación aos demais teñen nosa máis sincera gratitude”, dixo Mato, que destacou a vocación “de servizo público” dos seus membros. Todos os ferroláns “sentímonos orgullosos deles, así como do corpo de Bombeiros e da Policía Local, que protexeron e seguen protexendo á sociedade ferrolá da propagación da covid-19”. 

Numerosas campañas para frear os efectos negativos da pandemia 
Desde que comezara o estado de alarma decretado polo Goberno central o pasado 14 de marzo, a agrupación de Protección Civil —actualmente hai activos 60 dos seus 74 efectivos— liderou numerosas campañas. Unha das primeiras en poñerse en marcha, lembra o edil Costoya, foi “Se non podes, imos nós”, que xa realizou desde o inicio da crise preto de 500 servizos a persoas que se atopan en illamento sanitario ou teñen mobilidade reducida e non poden saír a mercar alimentos ou medicamentos e tampouco teñen un familiar que poida realizar ditas tarefas. Os voluntarios da agrupación repartiron diariamente menús preparados pola Cociña Económica ás persoas máis vulnerables da cidade e axudan aos maiores que viven sos a contactar cos seus familiares mediante videochamadas. A través da campaña “Axuda con alimentos” xestionan a retirada das doazóns de productos en establecementos da cidade para o Banco de Alimentos Rías Altas, encárganse da recollida e reparto de EPI (equipos de protección individual) entre diferentes colectivos da cidade, apoian a ordenación do tráfico as fins de semana ao longo da Senda 8.000, prestan axuda coa ambulancia á central de urxencias 061 e tamén se implicaron na xestión do albergue provisional que o Concello habilitou na Casa do Mar, onde realizaron avaliacións sanitarias aos usuarios. Un labor, detallou o concelleiro de Seguridade, desenvolvido con “profesionalidade e entrega, polo que teñen todo o noso agradecemento”.  

Campaña de captación 
Para solicitar información sobre as súas campañas pódese chamar aos números de teléfono 981 320 000 e 698 126 700. A Agrupación de Protección Civil acaba de iniciar unha campaña de captación de voluntarios que conta co respaldo do Concello. Os requisitos mínimos para participar no proceso de selección son ser maior de 18 anos (ou de 16 se se conta con permiso paterno), carecer de antecedentes penais e ter cursada a ensinanza secundaria obrigatoria ou equivalente. Para obter o documento de solicitude pódese contactar a través de calquera das redes sociais na que a agrupación ten conta: WhatsApp ou Telegram (698 179 927), Facebook (A.V. Protección Civil Ferrol), Twitter (AVPCFerrol) e Instagram (proteccioncivilferrol). 



Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar