Novas

mércores, 03 de xuño de 2020

O Concello conclúe a limpeza de cunetas en Santa Icía, Mandiá-Papoi e Covas

O plan de traballo que o departamento dirixido pola concelleira Ana Lamas iniciou o 4 de maio rematará a finais de xuño e cubrirá 23 quilómetros das parroquias do rural


O Concello conclúe a limpeza de cunetas en Santa Icía, Mandiá-Papoi e Covas

O Concello de Ferrol vén de rematar as labores de limpeza de cunetas nas parroquias de Santa Icía, Mandiá-Papoi e Covas, segundo deu conta esta mañá a concelleira Ana Lamas na comisión de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación. 


A concellería de Servizos, Obras, Medio Ambiente, Zona Rural e Participación Cidadá, que dirixe Lamas, puxo en marcha o pasado 4 de maio un plan de traballo de limpeza de gabias que percorrerá as 11 parroquias do rural. Polo momento xa se rematou en tres delas. Este programa alargarase nove semanas, polo que está previsto que remate a finais de xuño. Cubrirá un total de 23 quilómetros, segundo detallou a edil, e está a servir para a correcta evacuación de augas no marco do mantemento de cara á primavera. 

Pola súa banda, a concellería tamén comezou o 18 de maio o segundo plan de roza de vías deste ano, co que se garante a visibilidade e unha maior seguridade nos camiños e estradas de titularidade municipal. Estas labores finalizaron xa na parroquia de Mandiá-Papoi e estase a repasar en Santa Icía. Ademais, esta mesma semana iniciáronse os traballos de rozas en Covas. Este programa alargarase durante 8 semanas, polo que está previsto que remate na primeira quincena de xullo. 

Lamas engadiu que ademais das tarefas recollidas no plan de actuación do seu departamento, un tractor está a rozar os noiros das vías onde está planificada a limpeza de gabias de xeito previo á limpeza das mesmas, polo que está a pasar polas diferentes parroquias con este cometido.

En conta as achegas veciñais 
Para a elección das zonas nas que se está a traballar, o Concello de Ferrol tivo en conta as achegas realizadas pola cidadanía a través do tecido asociativo do rural, ao que a concelleira Lamas lle agradece a súa participación, xa que a información que lle chegou á Administración local a través desta canle “está a servir para optimizar os resultados”, dixo. 





Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar