Novas

mércores, 03 de xuño de 2020

O edil de Urbanismo tratou cos grupos políticos as actuacións do Concello en materia de terrazas e as peonalizacións de cara ao verán

Julián Reina visitou onte Pardo Baixo acompañado por técnicos municipais para comprobar cos hostaleiros o modo no que se distribuirán mesas e cadeiras durante o verán


O edil de Urbanismo tratou cos grupos políticos as actuacións do Concello en materia de terrazas e as peonalizacións de cara ao verán

O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, deu conta esta mañá aos grupos políticos das actuacións da súa concellería en materia de terrazas nas últimas datas, durante as que o seu departamento está facilitando e verificando que os establecementos poidan facer uso de mesas e cadeiras cumprindo as medidas de seguridade establecidas polas autoridades sanitarias. No transcurso da Comisión Informativa de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación, tratouse a planificación de cara á peonalización de varias rúas do centro urbano, como se vén facendo nos últimos anos, para que os establecementos poidan aproveitar os meses de bo tempo. 


Con motivo destas medidas, Reina visitou na tarde de onte a rúa de Pardo Baixo, unha das que concentran maior actividade hostaleira na cidade. Acompañado por técnicos municipais, comprobou o modo no que se van distribuír as terrazas e mantivo un encontro con responsables de establecementos que serviu para escoitar as súas suxestións e para, á súa vez, insistirlles na importancia de seguir escrupulosamente a normativa nun momento tan delicado como o actual, para que a paulatina recuperación da normalidade se faga de forma responsable e se evite o risco dun posible rebrote da epidemia da covid-19.

Límite horario establecido tamén pola actividade do establecemento 
O concelleiro lembrou tamén que o pasado decembro, co fin de dinamizar a actividade dos establecementos hostaleiros e a economía da cidade, firmou un decreto para ampliar o horario de apertura de terrazas. En virtude daquela resolución, nos períodos de vacacións escolares de Nadal e Semana Santa, así como nos meses de xullo, agosto e setembro, incrementouse ata as 2.00 horas. Tamén as vésperas de festivos, sexan de carácter local, autonómico ou estatal. A única restricción é que a apertura da terraza non poderá superar o horario que o establecemento teña permitido pola súa actividade. 

O resto do ano, o peche quedou establecido para as 0.00 horas con carácter xeral, pero nas noites dos venres aos sábados e dos sábados aos domingos mantense ata as 2.00 horas. É precisamente o horario que estará en vigor durante este mes. En xullo incrementarase tamén entre semana ata as 2.00. 

Ata aquel momento, víñanse ditando sucesivos decretos para modificar os horarios que figuraban na ordenanza reguladora, co fin de permitir a ampliación do tempo de apertura de terrazas durante as vacacións. Dende entón unificáronse estes horarios para todos eses períodos vacacionais e de festas, o que evita que o sector permaneza á espera de continuos decretos. 







Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar