Novas

mércores, 03 de xuño de 2020

O venres remata o prazo para optar ás axudas a autónomos e pequenas empresas do Concello

Toda a información relacionada co Plan de Mellora para a Empregabilidade (PAME) está dispoñible na web www.ferrol.gal/AxudasPAME/Indice, á que se pode acceder directamente dende o portal do Concello de Ferrol en Internet


O venres remata o prazo para optar ás axudas a autónomos e pequenas empresas do Concello

O próximo venres, 5 de xuño (inclusive), remata o prazo para presentar solicitudes ás subvencións contempladas no Plan de Mellora para a Empregabilidade (PAME), sempre de maneira telemática a través da sede electrónica do Concello de Ferrol, tal e como contempla a Lei, e do Rexistro Electrónico Xeral da Administración Xeral do Estado, ao que se pode acceder polo Punto de Acceso Xeral (https://administracion.gob.es). 


O PAME é un programa de axudas ás que se poden acoller aqueles negocios con sede en Ferrol que estiveran ou estean afectados pola crise da covid-19, segundo uns requisitos que constan nas bases reguladoras. Estas foron publicadas no BOP do martes 5 de maio e poden consultarse a través da páxina do Concello en Internet. O Concello de Ferrol destina dous millóns de euros ao plan, co que pretende dar liquidez ás empresas para que atenúen o impacto que supuxo para elas a redución de ingresos e poidan manter os postos de traballo.

Toda a información e a documentación, na web municipal 
A web municipal dispón dun apartado destacado co epígrafe Axudas PAME (Plan de Mellora para a Empregabilidade) que reúne información xeral, un vídeo resumen, as bases reguladoras, un listado da documentación necesaria, un modelo de documento de designación de conta bancaria, unha guía para a sinatura electrónica de documentos, unha guía para a presentación telemática, un modelo de formulario de solicitude, un modelo de declaración xurada e un modelo de representación. A súa dirección é www.ferrol.gal/AxudasPAME/Indice. 

Protexer o emprego e impulsar a actividade económica 
Estas axudas, deseñadas pola concellería de Emprego e Promoción Económica, que dirixe a segunda tenente de alcalde, María Teresa Deus, foron aprobadas por unanimidade no pleno extraordinario do pasado 27 de abril. Buscan “impulsar a actividade económica de Ferrol” e ao mesmo tempo “protexer o emprego”, segundo explicou o alcalde, Ángel Mato. 

As bases establecen varias contías. Unha fixa de 1.500 euros dirixida a persoas físicas e xurídicas con ou sen traballadores ao seu cargo cando a actividade que desenvolven estea afectada polo peche de establecementos disposto no Real Decreto 465/2020 de 17 de marzo. Outra tamén fixa de 1.000 euros para os casos nos que a actividade non estivera recollida nese Real Decreto pero sufrise unha redución de facturación de polo menos o 75 %. Ademais, en ambas as liñas de axuda haberá incrementos de 120 euros por cada persoa traballadora ata os nove empregados; de 100, entre os 10 e os 20 traballadores, e de 70, entre os 21 e 49. En todos os casos, os beneficiarios serían autónomos, microempresas ou pequenas empresas con domicilio fiscal ou centro de actividade dentro do termo municipal de Ferrol. 






Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar