Novas

xoves, 04 de xuño de 2020

O Concello abre ao público os aseos e tres puntos de auga do cemiterio de Catabois

O camposanto municipal reabriuse a finais do mes de maio tras implantar as medidas necesarias para garantir a seguridade tanto dos empregados como dos asistentes


O Concello abre ao público os aseos e tres puntos de auga do cemiterio de Catabois

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, firmou na tarde de onte unha actualización do bando que anunciaba a reapertura do cemiterio municipal de Catabois para o pasado día 23 e que recolle como novidade que desde hoxe hai habilitados tres puntos de auga para uso exclusivo da instalación municipal, e dos que non está permitido beber (desinféctanse decote con lixivia), e ábrense ao público os aseos, que se deberán utilizar respectando as normas de seguridade e aforo. 


Ata a súa reapertura, explicou a concelleira de Servizos, Ana Lamas, traballouse de “forma intensa” co fin de establecer todas as medidas necesarias para garantir a seguridade e saúde tanto dos empregados como dos asistentes ao recinto. Para elo estase a reforzar a limpeza en todo o espazo, incluídos bancos e elementos susceptibles de acumular contactos, sinalizáronse as portas de acceso e saídas das visitas (nos laterais), facilitouse ao persoal material de protección e de desinfección das escadas e colocáronse dosificadores de xel nos accesos. 

O horario de apertura do cemiterio é de luns a sábado de 10 a 19 horas e os domingos de 10 a 13.30 horas. As persoas que acudan de visita deben facelo provistos de todo o material que consideren preciso para a limpeza e ornato, como xerras, cubos, panos ou vasoiras. No cemiterio hai escadas e estableceuse un único punto para recollelas e depositalas. Serán desinfectadas polo persoal da instalación tras cada uso. O portón principal destinarase unicamente para o paso das funerarias, cortexos fúnebres e persoal autorizado.

Cumprimento das medidas de seguridade 
A concelleira lembra que, como non podía ser de outra forma, as persoas que acceden ao recinto deben cumprir en todo momento as normas e recomendacións hixiénicosanitarias e de seguridade ditadas polas autoridades, como o uso de máscaras, manter a distancia de seguridade ou hixienizar as mans. Pola súa banda, o persoal do cemiterio emprega os equipos de protección individual que foron facilitados polo servizo de prevención de riscos. 





Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar