Novas

xoves, 04 de xuño de 2020

As máquinas quitaneves seguen desinfectando a cidade e a zona rural na fase 2

O alcalde, Ángel Mato, solicitou no mes de abril á Subdelegación do Goberno o emprego destes vehículos do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para a hixienización dos espazos públicos de Ferrol


As máquinas quitaneves seguen desinfectando a cidade e a zona rural na fase 2

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, solicitou o pasado mes de abril á Subdelegación do Goberno o emprego de máquinas quitaneves para a desinfección dos espazos públicos da cidade co fin de “sumar novas medidas de hixiene” ás que o Concello xa tiña en marcha desde que comezara a crise sanitaria da covid-19, a través do labor do Corpo de Bombeiros e da concellería de Servizos. 


Os vehículos do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana comezaron a desinfectar as rúas de Ferrol, tanto no centro urbano como do rural, a mediados de abril, e na actualidade un deles prosigue con este labor a pesar de iniciarse a fase 2 da desescalada. Ata o momento desinfectáronse ao redor de 400 quilómetros do municipio. 

Onte mesmo, pasadas as dez e media da noite, unha quitaneves, cun depósito con capacidade para 6.000 litros, saíu do parque de Bombeiros de Ferrol para dispersar axente virucida por espazos públicos da cidade. Desinfectou a Senda 8.000 —o paseo peonil que se activa as fins de semana desde a avenida do Mar ata a Malata—, praza do Inferniño, O Bertón, o barrio de Caranza e a estrada de Castela, entre outros espazos, co fin de seguir na loita contra a propagación da covid-19. 

Os concelleiros de Mobilidade, Julián Reina, o de Seguridade, Germán Costoya, e responsables da Demarcación de Estradas coordinan cada unha das saídas da quitaneves, escoltada por coches da Policía Local, dos Bombeiros e do Ministerio.  

Aténdense as suxestións dos veciños 
O Concello incorporou ao plan de limpeza e desinfección que executa en rúas e espazos públicos dende o inicio da crise sanitaria as demandas feitas polas asociacións veciñais, despois de que a concelleira de Obras e Servizos, Ana Lamas, solicitara aos ferroláns que informaran dos lugares que consideraban que requirían unha maior hixienización. Ditas demandas están sendo atendidas á hora de perfilar os percorridos da máquina quitaneves. Este tipo de camións contan cun dispositivo co que habitualmente esparexen sal para evitar a formación de placas de xeo nas estradas, e que durante esta epidemia de coronavirus está a ser aproveitado para nebulizar líquido desinfectante. Circulando polas vías públicas a arredor de 20 quilómetros por hora, son capaces de hixienizar as superficies horizontais e verticais ata unha altura de 1,5 metros e poden alcanzar os 4 metros en determinadas condicións. 





Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar