Novas

xoves, 04 de xuño de 2020

O Concello retoma os programas de emerxencia e inclusión social dos que se beneficiarán 92 persoas

As concellerías de Emprego e de Benestar Social, que dirixen María Teresa Deus e Eva Martínez Montero, deseñaron conxuntamente ambos proxectos, que obtiveron un 100 % de financiamento do Fondo Social Europeo, 300.000 euros


A Mesa Técnica sobre Persoas Sen Teito do Concello de Ferrol celebrou esta mañá unha nova reunión, presidida pola concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, na que se abordaron dous asuntos. O primeiro foi dar conta de que o Concello está a retomar a preparación dos dous programas de emerxencia e inclusión social con cargo ao Fondo Social Europeo a través da Administración autonómica e para os que o Concello conseguiu a principios de ano unha subvención de preto de 300.000 euros, é dicir, o investimento total, “polo que o Concello non ten que achegar nada”, xa que lle foi concedido o 100 % do financiamento, explicou a concelleira. Ambos foron deseñados conxuntamente polas áreas municipais de Emprego, que dirixe María Teresa Deus, e de Benestar Social. 


Tras o parón que supuxo o decreto de estado de alarma pola covid-19, esta mañá Martínez Montero explicou que os servizos sociais municipais xa están a realizar a selección de beneficiarios do programa Ferrol Cidade Inclusiva, do que se beneficiarán 67 perceptores da Risga. Este plan tamén está dirixido ás familias dos beneficiarios porque, ademais da inserción sociolaboral, tamén ten como obxectivo o “acompañamento” destas persoas para que melloren a súa situación social, por exemplo, coa prevención do abandono escolar ou co acceso a axudas á vivenda, segundo explicou a concelleira Deus. 

Respecto ao segundo programa, Ferrol Acolle, destinado a 25 persoas sen teito, a edil Martínez Montero solicitou esta mañá ás entidades que forman a Mesa Técnica sobre Persoas Sen Teito que retomen a revisión dos perfís susceptibles de formar parte del. Neste sentido, a concelleira apuntou que nestes momentos de estado de alarma “estes programas son aínda máis necesarios, a crise sanitaria está deixando situacións de maior vulnerabilidade”, explicou.

Programas “moi personalizados” 
Ambos plans teñen unha fase común, de diagnóstico, na que mediante entrevistas en profundidade se analizará cada perfil persoal e profesional. Despois parte dos usuarios pasarán a formación prelaboral, mentres outros só necesitarán formación xa laboral ou adaptativa. Deus remarcou que o programa vai ser “moi personalizado” e que, aínda que hai varios itinerarios xa preparados, contémplase a posibilidade de adaptalos a calquera perfil. Como punto de partida, deseñáronse o de mantemento xeral de edificios e o de camareiro. Tamén detallou que o intermediador laboral destes programas deberá contactar con empresas para facilitar prácticas aos participantes ou mesmo incrementar as posibilidades de contratación. 

Para a concelleira de Emprego, o feito de que estas iniciativas partan das reunións sucesivas que se tiveron previamente coas entidades sociais que traballan en Ferrol “vai garantir o éxito do proxecto, porque son as que coñecen a situación destas persoas con dificultades” e porque a través delas será “máis fácil canalizar as saídas laborais”, explicou Deus. 

O segundo asunto tratado na reunión de hoxe foi sobre os usuarios do albergue Pardo de Atín, ao redor de 30. A partir do próximo luns, 8 de xuño, e co inicio da fase 3, poderán recoller os seus menús na Cociña Económica, como ata agora, e tomalos nas instalacións de Cáritas, na rúa Magdalena. Neste punto a concelleira Martínez Montero mostrou o seu máis sincero agradecementos ás entidades sociais da cidade, que nestes momentos de crise sanitaria “están a demostrar a súa implicación conxunta para dar solución aos problemas que están a xurdir”. 

O próximo 26 de xuño volverase reunir a Mesa Técnica sobre Persoas Sen Teito do Concello para facer un seguimento da situación social na cidade.  








Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar