Novas

venres, 05 de xuño de 2020

O Concello resalta a riqueza do seu arborado urbano nun vídeo elaborado con motivo do Día do Medio Ambiente

A concellería que dirixe Ana Lamas tamén iluminará esta noite de cor verde a fachada do pazo municipal e súmase á campaña de Sogama “Desplastifícate”


O Concello resalta a riqueza do seu arborado urbano nun vídeo elaborado con motivo do Día do Medio Ambiente

O Concello de Ferrol, a través da concellería de Medio Ambiente, que dirixe Ana Lamas, celebra hoxe o Día Mundial do Medio Ambiente coa edición e publicación dun vídeo sobre a importancia e beneficios do arborado urbano realizado pola Aula de Econoxía Urbana. Nel recóllense imaxes de espazos como os xardíns colgantes de Babilonia, o Hyde Park de Londres, —o primeiro gran parque en abrirse ao público, no século XVII— e o parque do Cantón de Ferrol —a primeira alameda pública de Galicia—. Tamén aborda tipos de follas, raíces, e tamaños de copa das árbores e relata os beneficios ambientais, ecolóxicos, sociais e de saúde e paisaxísticos do arborado urbano. 


O vídeo lembra detalles como que son necesarias 22 árbores para cubrir a demanda diaria de osíxeno dunha persoa, a súa función como regulador da temperatura, que incrementan a humidade ambiental, filtran o vento, reducen a contaminación acústica, aportan biodiversidade ao medio urbano, posibilitan o asentamento de avifauna e outros pequenos animais, fan mais amable o medio urbano, posibilitan funcións educativas, culturais e encontros en espazos públicos e favorecen a saúde integral da cidadanía e, por tanto, a súa calidade de vida. Neste senso, Lamas lembrou que o arborado urbano é unha “peza fundamental” para a conservación da biodiversidade — tema protagonista da celebración deste ano— posto que ademais de acoller gran parte da vida silvestre das urbes, “proporciona incontables beneficios para todos”.

Refugar o plástico 
A concelleira Lamas explicou que ademais de poñer a disposición da cidadanía este material a través da canle de YouTube da Aula de Ecoloxía Urbana (aeuferrol) e da páxina web municipal (apartado de Medio Ambiente da sección Actividades na Casa), o Concello tamén celebrará o Día Mundial do Medio Ambiente tinguindo esta noite de cor verde a fachada do pazo municipal e sumándose á campaña da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) “Desplastifícate”, que recomenda refugar o plástico en todas as súas variantes, como bolsas da compra, botellas de auga, vixiar a composición de cosméticos e outros artigos de hixiene, optar por materiais reciclados e separar os residuos no fogar e depositalo nos contedores oportunos para o seu reciclado. 

Nun día como hoxe, no que a diversidade protagoniza o Día Mundial do Medio Ambiente, Lamas quixo poñer o acento na “importancia de inspirar un cambio global mediante pequenas accións individuais”. Neste senso, lembrou a necesidade de “coidar e respectar o noso entorno máis próximo, os nosos parques e espazos verdes que, sen dúbida, representan unha das xoias da cidade e que requiren do coidado de todos os ferroláns”. 

Enlace ao vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=kWwFsNAqLwA&t=13s








Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar