Novas

venres, 05 de xuño de 2020

O Concello iniciará nos próximos días a reparación de varandas, pasarelas e instalacións das praias

A concelleira de Medio Ambiente, Ana Lamas, explicou que, ademais de levar a cabo labores de mantemento, se van arranxar “danos causados tanto polos temporais coma por actos vandálicos” para que os areais estean en condicións


O Concello iniciará nos próximos días a reparación de varandas, pasarelas e instalacións das praias

 A concellería de Medio Ambiente levará a cabo nos próximos días unha serie de labores de reparación e mantemento nas praias ferrolás para poñelas a punto de cara á tempada estival. Na maior parte dos casos, trátase de “solucionar danos causados tanto polos temporais como por actos vandálicos”, segundo explicou a concelleira Ana Lamas, quen asegurou que a súa intención é que os areais estean en perfecto estado a partir da segunda metade deste mes, cando se abrirá a tempada de verán, co inicio do servizo de salvamento. O prazo de execución destes traballos, que terán un custe de 13.176,90 euros (IVE incluído) é de tres semanas. As actuacións son as seguintes: 


-Caranza: reposición das táboas de protección da varanda e reparación do tubo de aceiro. 
-Santa Comba (ermida): substitución de pasamáns no acceso á ermida e reparación de táboas soltas no paseo. 
-Santa Comba (praia): reposición de táboas de protección da varanda, de postes, de puntais e de táboas no último tramo da rampla de acceso. 
-Preixal (O Vilar): reposición de puntais e táboas de protección da varanda, reparación do tramo de acceso á praia, reposición de postes no acceso á praia, de táboas do pasamáns e de táboas de protección da varanda. 
-A Fragata: substitución da porta metálica da terraza da caseta, reposición de táboas do chan, de tapas de retrete e de dous tiradores de portas. 
-Esmelle: reparación de portas dos aseos, reparación dunha fuga da auga na sala de mantemento, substitución do tirador da porta, reposición dunha billa no aseo de homes, de táboas de protección da varanda, de táboas do chan, de postes e de pezas cilíndricas da varanda. Ademais, substitución da tapa do retrete de mulleres e do portarrolos e instalación dunha nova pechadura na porta da sala de mantemento. 
-San Felipe: substitución de táboas. 
-A Graña: reparación da ducha. 
-San Xurxo: reposición de táboas de protección da varanda na ponte sobre o río e substitución de mástil. 
-Penencia: substitución da pechadura da porta da caseta. 
-Doniños-Outeiro: reposición de táboas do pasamáns, de táboas de protección da varanda e de táboas do chan. Substitución do tirador da porta do aseo de homes, substitución de tapas de retrete no de mulleres, substitución da pechadura do aseo de minusválidos e reparación da ducha e lavapés na zona superior. 

A maiores, o contrato inclúe a reparación de catro duchas portátiles, así coma a súa montaxe e desmontaxe; o amaño de oito aseos portátiles, nos que é necesario arranxar as cubertas, cambiar os pontóns do chan e os apoios e lixar e vernizar; e, por último a reparación dunha caseta de salvamento que neste momento se atopa tamén nos almacéns municipais e na que se deben cambiar as táboas da tarima deterioradas. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar