Novas

sábado, 06 de xuño de 2020

A Mesa Xeral de Negociación aprobou co voto maioritario dos sindicatos as bases para a selección de 12 bombeiros

CSIF, CC.OO. e UXT mostráronse a favor dos documentos definitivos presentados pola concelleira de Recursos Humanos, María Teresa Deus, logo dun principio de acordo o pasado xaneiro que contemplaba a inclusión dunha serie de achegas das centrais


A Mesa Xeral de Negociación do Concello de Ferrol celebrou esta semana unha reunión extraordinaria para someter a aprobación as bases que rexerán a convocatoria para o proceso selectivo, mediante concurso oposición, de 12 prazas de bombeiro condutor. Na anterior reunión na que se abordou este asunto, o pasado xaneiro, as centrais sindicais solicitaran incluír unha serie de achegas, agora xa contempladas nos documentos definitivos que a concelleira de Recursos Humanos, María Teresa Deus, lles presentou o pasado xoves. Deste xeito, os representantes dos tres sindicatos que acudiron á xuntanza, CSIF, CC.OO. e UXT, votaron a favor das bases. 


A convocatoria destas prazas corresponde á oferta pública de emprego do 2019, na que a concellería que dirixe Deus está traballando coa intención de pechala o máis axiña posible, logo de sacar adiante, o ano pasado, a OPE do 2018. Segundo a edila e tamén segunda tenente de alcalde, dar saída a estas convocatorias é “crucial” para avanzar na solución ao déficit de persoal do Concello e para o bo funcionamento da Administración local ferrolá, tras anos nos que non foi posible. As bases que se acaban de aprobar, e que próximamente se publicarán no Boletín Oficial da Provincia, contemplan a provisión de dúas prazas de bombeiro condutor por proceso ordinario e outras dez dentro da taxa adicional para estabilización de emprego temporal. Todas pertencen ao grupo C, subgrupo C2. María Teresa Deus daralles conta pormenorizada do seu contido a todos os grupos políticos durante a comisión de Economía, Facenda, Emprego e Recursos Humanos que se celebrará o próximo martes, 9 de xuño.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar