Novas

domingo, 07 de xuño de 2020

O Concello e o CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro firman un convenio de formación en centros de traballo

Tres alumnos de FP incorporáronse esta mesma semana ao Centro de Recursos Informáticos municipal para complementar a súa aprendizaxe ata mediados de agosto


O Concello de Ferrol vén de firmar un convenio de colaboración co CIFP (Centro público Integrado de Formación Profesional) Rodolfo Ucha Piñeiro para desenvolver un programa formativo en centros de traballo dirixido ao alumnado de formación profesional (FP). Neste marco, tres estudantes do ciclo Administración de Sistemas Informáticos en Rede incorporáronse esta mesma semana ao Centro de Recursos Informáticos (CRI) do Concello, no que complementarán a súa aprendizaxe ata mediados do mes de agosto. 


Neste iniciativa participaron de forma conxunta os concelleiros de Organización Interna e do CRI, Julián Reina, e a de Recursos Humanos e Emprego, María Teresa Deus. Os alumnos realizarán preto de 400 horas de actividades formativas para suplementar a súa educación no centro Rodolfo Ucha Piñeiro. 

Reina apuntou que o fin do convenio é aportar aos alumnos “numerosas ferramentas” e tamén unha “nova visión sobre a relevancia do CRI para o normal funcionamento dunha administración pública que traballa de forma transversal con  todas as súas áreas”. Deus, pola súa banda, remarcou que o Concello quere “colaborar” cos centros de ensino da cidade para que o alumnado “adquira as habilidades e competencias necesarias que lles permitirán incorporarse ao mundo do traballo”. De este modo, dixo, “achegámolos á realidade laboral”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar