Novas

luns, 08 de xuño de 2020

O Concello establece un novo protocolo para o uso do complexo deportivo de Caranza e os pavillóns do Ensanche e de Esteiro na fase 3

As entidades federadas, moitas das cales decidiron non utilizar as instalacións ata agora debido ás restricións que había na fase 2, deben solicitar a reincorporación para volver empregalas nas franxas horarias que tiñan asignadas


O Concello establece un novo protocolo para o uso do complexo deportivo de Caranza e os pavillóns do Ensanche e de Esteiro na fase 3

Coa entrada de Galicia na fase 3 do plan para a recuperación da nova normalidade, as entidades que viñan empregando algunhas das instalacións municipais para a práctica da actividade deportiva federada verán flexibilizado o protocolo para poder facer uso delas. Por exemplo, os adestramentos, restrinxidos ata agora aos individuais, poderán levarse a cabo a partir de hoxe en grupos de ata 20 persoas, mentres que a piscina de Caranza poderá ser empregada por 14 persoas ao tempo (dúas por rúa), cando antes estaba limitada a un nadador por rúa. 


Dende hoxe, os clubs asignados aos pavillóns do Ensanche e de Esteiro e á pista polideportiva e á piscina do complexo Javier Gómez Noya poderán facer uso destas instalacións nas franxas horarias autorizadas para a tempada. Antes, teñen que enviar á concellería de Deportes as correspondentes solicitudes e agardar a confirmación, xa que o Concello deberá planificar as tarefas de limpeza e desinfección en función da demanda. 

Á piscina de Caranza poderá acceder calquera persoa, aínda que terán preferencia os deportistas con licencias de modalidades que se desenvolvan en medio acuático. Deste xeito, os grupos de aboados que dende días pasados xa estaban a facer uso da instalación poderán seguir coa súa actividade no horario de mañá. 

O protocolo inclúe unha completa lista de medidas hixiénicas de obrigado cumprimento e unha serie de recomendacións para os deportistas, de modo que se garanta a seguridade. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar