Novas

luns, 08 de xuño de 2020

O BOP publica hoxe as bases das axudas á escolarización e das becas de comedor escolar

Respecto ao ano pasado aumentouse en 7.000 euros o orzamento destinado á adquisición de material escolar, incluído o informático, ou roupa deportiva. O prazo de presentación de solicitudes comezará despois de que se anuncie nos próximos días o extracto da convocatoria


O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou hoxe as bases reguladoras da concesión de axudas á escolarización e das becas de comedor escolar para o curso escolar 2020-2021. O prazo para presentar solicitudes abrirase tras o anuncio do extracto da convocatoria, que terá lugar nos próximos días. 


As axudas á escolarización están dirixidas a os menores de idade que residan en Ferrol matriculados nun centro de ensino da cidade para cursar educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato, formación profesional básica ou formación profesional de grao medio. A contía da axuda ascende a 95 euros por neno para a adquisición de material escolar, incluído o informático, ou roupa deportiva. Con elo, “buscamos dar resposta ás necesidades escolares do alumnado cuxas familias manifesten estar a ter dificultades económicas que lles impidan facer fronte aos gastos do inicio dun novo curso” explicou a edil de Benestar Social, Eva Martínez Montero. O orzamento destinado a estas axudas ascende a 90.000 euros. 

Un incremento de 7.000 euros 
No anterior ano académico a concellería de Benestar Social destinou 83.000 euros a estas axudas, das que se beneficiaron 848 familias, polo que sobraron un total de 25. Nesta ocasión, o Concello de Ferrol destina 90.000 euros, o que supón un incremento de 7.000 euros respecto ao anterior curso a pesar de que dita liña de axudas non se esgotou. En canto ás axudas para comedor para o próximo exercicio, o orzamento destinado a estas becas, que cobren a totalidade do coste das comidas dos escolares, é de 280.000 euros, 12.000 euros máis que no anterior curso académico.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar