Novas

luns, 08 de xuño de 2020

A Mancomunidade recibe unha subvención de máis de 55.300 euros para o servizo de atención temperá para nenos

O organismo, que se fai cargo do programa a través da entidade Aspaneps, celebrou hoxe unha nova sesión plenaria presidida polo alcalde de Ferrol, Ángel Mato


A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol celebrou hoxe un novo pleno no que se deu conta da subvención de 55.342,98 euros que o organismo —integrado polas administracións locais de Ferrol, Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño— vén de recibir do goberno autonómico para o servizo de Atención Temperá que presta a través dun convenio coa Asociación de Pais de Nenos con Problemas Psicosociais (Aspaneps).


Trátase dun conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos dos nove concellos da Mancomunidade, á súa familia e ao seu contorno, e que ten por obxectivo dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os pequenos con trastornos do desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social. Desde o comezo da súa actividade, o pasado mes de setembro, préstase asistencia a 72 usuarios. 

Do importe total da subvención, 17.000 euros destinaranse ao servizo de logopedia e o resto á rama de psicoloxía. 

Activo durante o estado de alarma 
Debido ao estado de alerta sanitaria, e ante o risco de contaxio da covid-19, o servizo de Atención Temperá suspendeu as consultas presenciais en consonancia coas indicacións das consellerías de Sanidade e Política Social, mais mantense a atención ás familias usuarias do mesmo mediante contacto telefónico e teleasistencia. Calquera persoa que precise contactar co equipo, composto por dúas psicólogas e unha logopeda, pode facelo no teléfono móbil 604 020 974. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar