Novas

martes, 09 de xuño de 2020

O Concello habilita as “Pequeparadas” nos colexios de Ponzos, Cruceiro de Canido, Isaac Peral e Mercedarias

O próximo curso, estes catro centros escolares da cidade formarán parte dun sistema que busca implantar zonas seguras para levar e recoller aos nenos e evitar atascos. Os concelleiros de Seguridade, Mobilidade, Participación Cidadá e Educación reuníronse onte con representantes veciñais para explicarlles todos os detalles do plan. Nunha franxa de media hora e durante non máis dun minuto, os pais poderán deter os seus vehículos fronte á escola “sen necesidade de estacionar”, anunciou o alcalde, Ángel Mato


O Concello habilita as “Pequeparadas” nos colexios de Ponzos, Cruceiro de Canido, Isaac Peral e Mercedarias

O Concello de Ferrol vai a habilitar Pequeparadas en catro centros escolares da cidade de cara ao próximo curso escolar, unha iniciativa que consiste en habilitar espazos fronte aos accesos aos colexios para que os pais poidan levar e recoller aos seus nenos “sen necesidade de ter que estacionar o seu vehículo”, segundo anunciou o alcalde de Ferrol, Ángel Mato.


Os CEIP de Ponzos, Cruceiro de Canido, Isaac Peral e o colexio Sagrado Corazón Mercedarias van formar parte co inicio do curso deste programa, que permite realizar unha parada nun tramo de media hora e por un tempo limitado dun minuto para que os nenos saian ou entren do vehículo. O sistema estará activo de 8.45 a 9.15 horas e de 13.45 a 14.15 horas e contará con sinalización horizontal e vertical. 

Trátase dunha iniciativa para promover zonas seguras impulsada de forma conxunta polas concellerías de Seguridade, que dirixe Germán Costoya, a de Mobilidade, da que é titular Julián Reina, a de Obras, Servizos e Participación Cidadá, da que é responsable Ana Lamas, e a de Educación, dirixida por Antonio Golpe. Os catro edís reuníronse na tarde de onte con representantes veciñais dos barrios afectados para explicarlles todos os detalles da posta en marcha deste plan, que implantará por primeira vez en Ferrol as Pequeparadas con fin de “evitar atascos” e “preservar a seguridade dos nenos”, tal e como explicou Costoya. 

A selección dos centros fíxose atendendo o criterio de perigo nos seus accesos, detallou o edil, e a intención do goberno local é “ir incorporando a este plan outros centros da cidade en función das súas necesidades e con fin de protexer aos nosos escolares”, explicou.  

Con estacionamento disuasorio en avenida Mac Mahón 
No caso concreto do CEIP Isaac Peral, ademais de habilitar a Pequeparada fronte ao colexio, na rúa Mac Mahón entre o Cuartel de Dolores e a piscina de Batallóns, incrementarase o número de prazas dispoñibles en estacionamento en espiga e se permitirá o aparcamento na rúa cortada do lateral do pavillón entre as 13.45 horas e as 14.15 horas para os pais que van recoller aos seus nenos. Durante o resto do tempo seguirá como ata agora, co acceso restrinxido. 

No caso do CEIP Cruceiro de Canido, habilitarase unha Pequeparada na rúa Sixto Seco e delimitarase unha zona protexida mediante a instalación de bolardos para evitar que se ocupe a entrada ao centro e os vehículos estacionen na zona habilitada para iso. 

Respecto ao CEIP de Ponzos, no barrio de Ultramar, acondicionarse outra Pequeparada na rúa Ponzos, no tramo entre as rúas República Arxentina e México. Tamén se habilitarán dous pasos de peóns na intersección das rúas República Arxentina e Ponzos para dar continuidade á seguridade viaria do camiño ao colexio. 

Para aumentar o número de prazas de aparcamento nas inmediacións do CEIP Ponzos, o Concello planeou que a rúa México —entre Ponzos e rúa Nova de Caranza— sexa de dirección única, en sentido á rúa Ponzos, e habilitarase unha marxe para estacionamento en espiga e a outra en liña. O plan municipal inclúe tamén dous pasos de peóns nos extremos do tramo para garantir a seguridade. 

Único sentido tamén na rúa Venezuela 
Por último, o plan do Concello de Ferrol para mellorar a seguridade dos máis pequenos nas súas entradas á clase contempla outra Pequeparada na rúa Venezuela, entre Nova de Caranza e Ponzos, para o colexio Sagrado Corazón Mercedarias. Inclúe tamén dispoñer un sentido único en dita rúa en dirección a Colombia e incrementar as prazas de estacionamento en espiga na marxe contraria. Tamén se habilitará un novo paso de peóns para reforzar a seguridade dos viandantes. 

Promover “zonas seguras” 
O obxectivo do equipo de goberno coa posta en marcha desta “ambiciosa” iniciativa é promover “zonas seguras” que aumenten “a protección dos escolares de Ferrol”, explicou Costoya. É unha das prioridades do Concello “facer desta cidade un lugar seguro para eles”.



Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar