Novas

martes, 09 de xuño de 2020

María Teresa Deus presentará aos comerciantes o xoves 18 o programa de dinamización do comercio para afrontar a crise

A edil de Promoción Económica explicou hoxe en comisión informativa os detalles deste plan, que inclúe unha fase de diagnose, sesións formativas e asesoramento individualizado


María Teresa Deus presentará aos comerciantes o xoves 18 o programa de dinamización do comercio para afrontar a crise

A concelleira María Teresa Deus presentará o xoves día 18 aos comerciantes da cidade o programa de dinamización do comercio que o Concello vai poñer en marcha para que o sector afronte en mellores condicións a crise derivada da epidemia de covid-19. Esta mañá, no transcurso da Comisión Informativa de Economía Facenda, Emprego e Recursos Humanos, a edil explicoulles aos grupos municipais o contido dunha iniciativa que inclúe unha fase de diagnose da situación, sesións formativas e asesoramento individualizado para os participantes. 


Segundo explicou Deus, o obxectivo final é preparar ao sector para enfrontar o futuro inmediato e a medio prazo mediante a mellora da súa competitividade a través da adecuación do seu produto ao público obxectivo, a eficiencia dos seus procesos, a eficacia dos sistemas de control e xestión e a mellora na comercialización dos produtos. 

Os contidos das sesións formativas versarán sobre cuestións como a mellora nas redes sociais, a preparación do negocio para atendelo por calquera canle, os medios para idear promocións que atraian a clientes, as promocións conxuntas, as solucións ás necesidades financeiras, a venda on-line, o coñecemento do cliente para mellorar a súa experiencia, a venda consultiva e o escaparatismo on-line. Na última fase do programa realizarase un acompañamento e seguimento individualizado, durante o que un mentor actuará como guía para dar resposta a dúbidas e solucionar problemas que xurdan. 

En paralelo, desenvolverase unha campaña de comunicación tanto en medios coma en redes sociais para facer chegar as promocións do sector ao maior número de persoas posibles. Estas promocións, orientadas tanto á compra como á fidelización, poderían servirse de ferramentas coma os premios directos, os descontos cruzados entre establecementos ou diferentes actividades para atraer público.

Solicitudes para participar na videoconferencia 
Os comerciantes interesados en coñecer todos os detalles do programa pódense unir á videoconferencia de presentación programada para o día 18. Para elo deben enviar unha solicitude á dirección de correo electrónico emprego@ferrol.es. Ademais, dende a concellería de Promoción Económica xa se está a comunicar ás diferentes asociacións empresariais da cidade o procedemento para que os seus membros se poidan unir a esta xuntanza telemática. 

A reunión da Comisión Informativa de Economía, Facenda, Emprego e Recursos Humanos de hoxe serviu tamén para que a concelleira dera conta das novidades respecto do Plan de Mellora para a Empregabilidade (PAME), para o que se recibiron 1.376 solicitudes, da aprobación das bases para a convocatoria de 12 prazas de bombeiro, do proceso de contratación de 45 socorristas e das actividades que realizará a Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol.





Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar