Novas

mércores, 10 de xuño de 2020

Os usuarios do Souto de Leixa agradecen o labor do Corpo de Bombeiros cun agasallo feito por eles mesmos

A directora e o médico do centro de atención a persoas con discapacidade visitaron o parque do servizo contraincendios do Concello de Ferrol para facer entrega do recoñecemento


Os usuarios do Souto de Leixa agradecen o labor do Corpo de Bombeiros cun agasallo feito por eles mesmos

Os usuarios do centro de atención a persoas con discapacidade Souto de Leixa fixéronlles chegar onte aos bombeiros de Ferrol un agasallo elaborado por eles mesmos e co que queren expresarlles o seu agradecemento. Trátase dun diploma realizado con madeira, que enviaron a través da directora do centro, Montse Rouco, e do medico, Yudel Casal. Ambos visitaron o parque do servizo contraincendios do Concello de Ferrol para facer a entrega en persoa. Alí conversaron un intre co concelleiro de Seguridade, Germán Costoya; o xefe do corpo, Aureliano Bacelo, e varios dos bombeiros que se atopaban de garda. 


Segundo explicaron Rouco e Casal, o confinamento pola epidemia de covid-19 significou un brusco cambio na vida dos usuarios do Souto de Leixa, que viron alterado algo tan importante para eles como eran os hábitos cotiás. Pero, aseguraron ambos, a habitual visita dos bombeiros, que ao longo destes case tres meses desinfectaron periodicamente os accesos ás instalacións, converteuse nun motivo de ledicia para todos eles. Por ese motivo, decidiron mostrarlles o seu agradecemento. 

No reverso do diploma que dende onte loce na base figura o seguinte texto escrito á man: “Agradecendo o seu apoio, @s amig@s do Souto xuntamos forzas. @s carpinteir@s serraron a man, @s costureir@s engadiron tecido, no taller de estética xogaron coas cordas, @s profundamente afectad@s fabricaron selos, na aula de polivalente atopamos escribas para estas liñas, que plastificaron en encadernación. O paquete correo, a cargo dos xardineiros. Todos xuntos, ilusionados e unidos, para facer chegar con forza a nosa gratitude. Unha aperta dende o centro de atención a persoas con discapacidade Souto de Leixa de Ferrol”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar