Novas

xoves, 11 de xuño de 2020

O Concello non permitirá as fogueiras de San Xoán en terreos de dominio público

As que se fagan en propiedades privadas non poderán congregar a máis de 20 persoas e deberase solicitar un permiso a través do rexistro municipal antes do 21 de xuño


O Concello decidiu non permitir este ano a realización de fogueiras de San Xoán e San Pedro en terreos de dominio público. Ante a situación de crise sanitaria xerada pola covid-19 e tendo en conta as medidas de prevención establecidas polas autoridades, decidiuse establecer restricións que, ademais desta prohibición, implicarán cambios nas lumieiras que si se poidan levar a cabo, que serán sempre en propiedades privadas. Particularmente, a limitación do número de asistentes a un máximo de 20 persoas. 


Tamén se contemplan unha serie de obrigas como a separación do lume respecto de calquera material combustible e manter distancias de 15 metros de árbores de pequeno ou mediano porte; 25 de exemplares de gran porte, tendidos eléctricos ou telefónicos, e 15 metros do mobiliario urbano. A fogueira non poderá superar os catro metros de diámetro e os tres de altura, o combustible será de tipo vexetal e as brasas deberán quedar completamente apagadas antes de abandonar o lugar. Calquera emerxencia que se produza debe ser comunicada inmediatamente ao 112, aos bombeiros (981 944 080), á Policía Local (981 944 092) ou a Incendios Forestais (085). 

As solicitudes para facer lumieiras en terreos privados deben presentarse a través do rexistro municipal mediante un modelo establecido. O último día será o 21 de xuño. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar