Novas

venres, 12 de xuño de 2020

O Concello deixará a cero a lista de espera do programa “Xantar na casa” coa incorporación de 22 persoas

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, abordou onte co xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez, ampliar o número de prazas no servizo, unha decisión que “neste momento se fai moi necesaria”, dixo a edil


 O Concello de Ferrol vai a deixar a cero a lista de espera do servizo “Xantar na casa”, que presta en colaboración co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, tal e como anunciou a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, tras abordar onte o asunto co xerente do organismo, Perfecto Rodríguez. Trátase dunha “demanda de hai tempo deste equipo de goberno” e agora “o responsable comprometeuse a elo”, dixo. “É unha decisión que neste momento se fai moi necesaria”, lembrou a edil de Benestar Social, “tendo en conta as consecuencias negativas xeradas pola crise sanitaria da covid-19”. 


Deste modo, aos 15 usuarios que actualmente se benefician do servizo “Xantar na casa” sumaríanse as 22 persoas que a día de hoxe están na lista de espera. A súa activación producirase nos próximos días. Neste punto Martínez Montero e Rodríguez abordaron a necesidade de actualizar o convenio que regula dita colaboración, no que se contemplará o aumento de prazas. Trátase dun servizo que proporciona aos usuarios, en situación de dependencia, os menús de toda a semana. 

Un novo convenio para xestionar centros de día e escolas infantís 
A concelleira e o xerente tamén avanzaron na posibilidade de firmar un novo convenio de colaboración que regule a xestión dos dous centros de día e dúas escolas infantís da red A Galiña Azul do Consorcio, en Esteiro e en Caranza. 

A edil explicou que no pasado mes de novembro xa comunicou ao xerente a necesidade de actualizar o convenio, no que se faga fincapé no “aumento paulatino de prazas nos centros de día”, un asunto que protagonizará unha nova reunión que terá lugar o próximo mes. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar