Novas

venres, 12 de xuño de 2020

As obras de ampliación da estrada de Pazos darán comezo a próxima semana

O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, percorreu onte, acompañado de representantes veciñais e de técnicos municipais e da adxudicataria, o tramo no que se levará a cabo esta actuación. Os traballos afectarán ao tráfico, que se pechará entre a estrada de Xoane e a ponte sobre o río da Sardiña, salvo para os residentes na zona, que poderán acceder ás súas vivendas


As obras de ampliación da estrada de Pazos darán comezo a próxima semana

As obras para a ampliación da estrada de Pazos comezarán a próxima semana. Técnicos da adxudicataria desta actuación trasladáronlle onte ao concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, que a empresa está en disposición de que así sexa, logo de que a partir do luns se verifique a situación de tendidos eléctricos e canalizacións na zona. Foi durante o percorrido que o edil fixo polo tramo no que se van levar a cabo os traballos, no que, ademais, estivo acompañado por técnicos municipais e por representantes veciñais. Estes últimos explicáronlle a Reina que o ensanche da estrada e a construción de beirarrúas constitúe unha reivindicación histórica da veciñanza e que a obra a piques de comezar vén dar resposta a esta demanda. Tamén, que vai solucionar os problemas de seguridade viaria nun punto especialmente perigoso no que os peóns case non dispoñen de espazo para transitar. 


O inicio dos traballos vai significar modificacións no tráfico da zona. Dependendo do momento, prohibirase o paso de vehículos tanto no inicio da vía na estrada de Xoane coma no outro extremo da actuación, nas inmediacións da ponte sobre o río da Sardiña, puntos onde se sinalizará convenientemente o peche ao tráfico. Como excepción, si estará permitida a circulación de residentes na zona afectada. 

O contrato das obras, que executará a empresa Copcisa S.A., firmouse o pasado 10 de febreiro. O importe é de 396.911,84 euros, IVE incluído. Se os traballos se desenvolven segundo a programación, poderían estar rematados na segunda metade do mes de outubro. 

As actuacións contempladas no proxecto consisten na mellora da mobilidade peonil e a seguridade viaria nun tramo de 540 metros, entre o cruce coa DP-3603 e a ponte sobre o río da Sardiña. Ampliarase a plataforma actual da estrada dotándoa dun espacio diferenciado e seguro para o tránsito peonil pola marxe esquerda e proverase de servizos enterrados baixo a beirarrúa para substituír o entramado aéreo actual. Tamén se renovarán o mobiliario urbano e o alumeado, instalarase unha varanda para a protección dos viandantes e colocaranse novas marcas de sinalización viaria lonxitudinal e transversal. 

A intervención na estrada de Pazos, nesta primeira fase que se vai pór en marcha, inclúe tamén a ampliación da mencionada ponte, unha construción de formigón armado que se ancheará con materiais similares e respectando o curso de auga. A sección hidráulica será mellorada con respecto á actual pasando de 1,46 metros de altura útil a case 1,48-1,50 e mantendo intacta a canle.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar