Novas

domingo, 14 de xuño de 2020

O Concello programará nas festas de verán cinco espectáculos diarios en diferentes barrios da cidade

O concelleiro de Festas, Antonio Golpe, anunciou que entre os días 21 e o 31 de agosto Ferrol contará con 50 espectáculos de pequeno formato espallados polo municipio


O Concello programará nas festas de verán cinco espectáculos diarios en diferentes barrios da cidade

O Concello de Ferrol, a través da concellería de Festas, que dirixe Antonio Golpe, ten preparado de cara ás festas de verán unha programación adaptada á nova situación xerada pola crise sanitaria da covid-19. Deste modo, o edil anunciou que entre os días 22 e 31 de agosto a cidade contará cun 50 espectáculos de pequeno formato espallados polo territorio municipal, cinco cada día, cada un en outros tantos puntos distintos, máis o pregón do día 21. 


Serán actuacións, como “non podía ser doutro modo”, dixo o responsable da área, acordes coas indicacións de seguridade establecidas polas autoridades sanitarias, en “coherencia con este tempo de emerxencia sanitaria”. Nesta ocasión, explicou, “propoñemos un modelo de festas amable e próximo aos ferroláns”, que permita evitar aglomeracións ao tempo que “recuperar paulatinamente a alegría nas rúas” e o “pulo cultural” de Ferrol. 

Unha mostra do talento ferrolán por todo o municipio 
Este verán o Concello de Ferrol apostará por un modelo de festas que permita “mostrar o talento creativo da cidade e comarca polas rúas da cidade”. A intención do goberno local é que, do mesmo xeito que sucedeu en Nadal, a programación de verán “chegue a todo o municipio a través dun formato descentralizado”, detallou Golpe. “Cada barrio terá animación e actividade festiva”. 

Entre os 50 espectáculos programados na rúa haberá diferentes expresións artísticas, como música, cine, teatro, monicreques, danza ou circo, entre outras. Todas elas, lembrou o edil, con especial atención á escena cultural local. “Contaremos co apoio do tecido asociativo da cidade, e as entidades de Ferrol terán o respaldo do Concello”, rematou Golpe.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar