Novas

luns, 15 de xuño de 2020

O Concello realiza unha nova desinfección dos parques infantís para volver a abrilos con máis seguridade

Estes labores de limpeza danlles continuidade aos que xa se levaron a cabo durante o estado de alarma nas zonas de xogo e tamén nas áreas biosaudables destinadas a persoas maiores. A concelleira de Servizos, Obras e Medio Ambiente, Ana Lamas, prepara unha limitación de aforos acorde coa normativa publicada pola Xunta no DOG do pasado sábado


O Concello realiza unha nova desinfección dos parques infantís para volver a abrilos con máis seguridade

O levantamento do estado de alarma en Galicia trae aparellada a posibilidade de reabrir ao público os parques infantís e os biosaudables. Así o recolle o Diario Oficial de Galicia na súa edición de antonte. Por ese motivo, o Concello de Ferrol adiantou o programa de desinfección en profundidade destes espazos que tiña previsto de cara á citada saída do estado de alarma e iniciou hoxe esas tarefas. 


Segundo manifestou a concelleira de Servizos, Obras e Medio Ambiente, Ana Lamas, xa dende hoxe mesmo existe a posibilidade de que as Administracións locais permitan o acceso a estas áreas, pero en Ferrol decidiuse que “previamente era necesario levar a cabo unha nova quenda de desinfeccións para poder reabrir con maior seguridade”. Esta únese aos labores de limpeza que durante o confinamento se levaron a cabo nas zonas de xogo dos pequenos. 

Ademais, a principios de maio iniciouse un programa de posta a punto en 25 recintos infantís, que incluíu repintado de elementos e substitución dos deteriorados, ademais da reposición das pezas que desaparecesen. 

A edil, que visitou o parque infantil de Juan de Austrira (Caranza), insiste en que a cidadanía debe respectar a prohibición naqueles puntos onde aínda permanezan os precintos, xa que os traballos de limpeza vanse prolongar durante cando menos dous días. Tamén explicou que se están calculando os aforos dos parques para cumprir coa norma publicada pola Xunta o sábado.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar