Novas

luns, 15 de xuño de 2020

A rúa Magdalena tamén será peonil entre Rubalcava e Sánchez Barcaíztegui ata o 30 de setembro, e Alonso López, no tramo da praza do Cruceiro a Muíño do Vento

A medida, que permitirá a instalación de terrazas de hostalería na tempada de verán, comezará a aplicarse mañá, coincidindo co inicio da segunda metade do mes de xuño. O concelleiro responsable de Mobilidade e Urbanismo, Julián Reina, firmou esta mesma mañá un decreto para regular a peonalizacións estivais, que aumentarán 15 días


A rúa Magdalena converterase en peonil a partir de mañá, co inicio da segunda metade de xuño. Os viandantes poderán gozar tamén do tramo entre Rubalcava e Sánchez Barcaíztegui sen compartir o espazo cos vehículos. Esta medida, que se vén adoitando durante a tempada de verán, posibilitará, ademais, a instalación de terrazas aos negocios de hostalería situados nese tramo. Como novidade este ano, a concellería de Mobilidade e Urbanismo, que dirixe Julián Reina, engadiu ás peonalizacións estivais a rúa de Alonso López, en Canido. Trátase do tramo comprendido entre a praza do Cruceiro de Canido e o cruce con Muíño do Vento. 


O edil responsable da área firmou esta mesma mañá un decreto que regula a peonalización entre mañá, 16 de xuño, e 30 de setembro, ambos inclusive, cando normalmente concluía a mediados de setembro. O documento recolle que se facilitará o acceso a residentes e os vehículos para facer labores de carga e descarga no horario no que as terrazas non estean colocadas. O tráfico rodado en dirección a Amboage poderase facer pola rúa Sol. 

Pola súa banda, o peche do tráfico rodado en Alonso López non xera maior prexuizo para os usuarios do entorno e o tráfico en xeral por existir alternativas á circulación, como son a rúa Poeta Pérez Parallé e as rúas Átocha e Riego. 

O decreto rubricado por Reina lembra que non se poderán colocar terrazas que previamente non teña outorgada a correspondente autorización para a súa instalación.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar