Novas

luns, 15 de xuño de 2020

A Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias crea unha comisión de traballo sobre espectáculos públicos de cara á nova normalidade

Expertos na materia elaborarán un documento que servirá de guía para a organización de actuacións e actividades recreativas na actual situación xerada pola epidemia da covid-19. O organismo supramunicipal, que integra a nove administracións locais, e a Universidade da Coruña (UDC) firmaron o pasado novembro un convenio de colaboración


A Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias creada o pasado mes de novembro a través dun convenio entre a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol —que integran Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Ferrol, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño— e a Universidade da Coruña (UDC) vén de pór en marcha unha comisión de traballo sobre espectáculos públicos e actividades recreativas de cara á nova normalidade tras a situación xerada pola covid-19. 


O novo grupo elaborará unha guía que de solucións destinada ás administracións locais e ás entidades organizadoras de espectáculos na xestión e autorización de actuacións que velen pola seguridade das persoas nun contexto de crise sanitaria como a actual e que respecte as medidas de protección indicadas polas autoridades. 

Na nova comisión participarán especialistas con ampla experiencia na planificación da seguridade de eventos públicos e estableceranse sinerxías con profesionais do sector da regulación de actos deportivos, que serán consultados para que aporten a súa experiencia á guía.

Unificar coñecementos 
A creación da Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias a finais do pasado ano partiu da necesidade dos expertos e técnicos, a nivel local, de unificar coñecementos e criterios e dispoñer de documentación científica sobre emerxencias e protección civil que os axude no seu labor, por exemplo, á hora de elaborar ordenanzas municipais ou protocolos de actuación ante determinadas situacións. 



Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar