Novas

martes, 16 de xuño de 2020

O Concello firmará proximamente os contratos da reurbanización de Carmen Curuxeiras e da adquisición do dispositivo de videovixilancia para a Policía Local

Na reunión da Mesa de Contratación Permanente celebrada esta mañá tamén se abriu a primeira documentación aportada polas empresas que aspiran a realizar a obra de ampliación do acceso viario ao cemiterio de Serantes


O Concello firmará proximamente os contratos da reurbanización de Carmen Curuxeiras e da adquisición do dispositivo de videovixilancia para a Policía Local

 O Concello poderá firmar nas próximas semanas o contrato do proxecto de reurbanización da rúa de Carmen Curuxeiras, logo de que esta mañá a Mesa de Contratación Permanente pechara de forma definitiva o procedemento dunha actuación que significará unha importante mellora para Ferrol Vello. Esta obra, que saíu a licitación o pasado febreiro cun importe de 307.934,74 euros (IVE incluído), foi finalmente adxudicada por 268.499 euros (tamén incluídos impostos). Os traballos contemplan o mantemento das lousas tradicionais de pedra que aínda se conservan nesta vía, mentres que o resto do pavimento será retirado. Todas as instalacións, eléctricas, de telecomunicacións e de gas, serán soterradas e renovaranse as canalizacións do abastecemento de auga e dos sumidoiros. A iluminación será substituída por puntos de tecnoloxía LED sobre catenaria e o mobiliario urbano será renovado por completo. 


Tamén quedou listo para a súa firma o contrato de subministro dun sistema de videovixilancia para instalar nun vehículo da Policía Local. O prezo de licitación ascendía a 42.350 euros, e foi adxudicado por 32.549 (en ambos casos, incluído o IVE). A adxudicataria disporá de tres semanas para a entrega dende a formalización do contrato. O novo sistema servirá para a identificación automática de matrículas e empregarase para que a Policía Local poida captar de maneira áxil as infraccións por estacionamentos e paradas indebidos. Contará con dúas cámaras capaces de identificar as placas en calquera condición de visibilidade, con localizadores GPS e con conexión para a transmisión de datos en tempo real. 

Outro dos expedientes que tratou a Mesa de Contratación Permanente foi o relativo á ampliación da vía de acceso ao cemiterio de Serantes, un proxecto incluído no POS do 2018. Esta mañá procedeuse á apertura do sobre A, que inclúe a documentación aportada polas empresas, para a súa remisión ao técnico. O proxecto inclúe para o primeiro tramo unha beirarrúa de 1,80 metros, 2,20 para estacionamento lateral, dous carrís de 2,50 metros cada un e unha beiravía. No segundo haberá 2,20 metros de ancho para estacionar a ambos lados, unha calzada de case 4 e unha beiravía de 2. Tamén contempla, entre outras actuacións, a instalación dun novo tubo de PVC que se conectará ao saneamento de pluviais executado na estrada DP3612, a conexión da saída do cemiterio á rede de saneamento e augas fecais, ramplas nas beirarrúas e a colocación de bandas de aviso nos cruces de peóns. A actuación conta cun orzamento de 227.433,86 euros (con impostos).

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar