Novas

martes, 16 de xuño de 2020

O Concello abre mañá o prazo para solicitar as axudas á escolarización e as becas de comedor escolar

O Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP) publica hoxe a convocatoria das subvencións, que establece un prazo de quince días hábiles para presentar a documentación. Respecto ao ano pasado aumentouse en 7.000 euros o orzamento destinado á adquisición de roupa deportiva ou material escolar, incluído o informático


 O Concello de Ferrol abre mañá o prazo de presentación de solicitudes para optar ás axudas á escolarización e ás becas de comedor para o curso 2020-2021 da concellería de Benestar Social, que dirixe Eva Martínez Montero. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou hoxe o extracto da convocatoria despois de que o pasado día 8 anunciara as bases das subvencións. Os interesados poderán presentar a documentación nun prazo de 15 días hábiles no Rexistro Xeral do Concello ou por calquera das formas previstas no art. 16.4 da Lei 39/2015 de procedemento administrativo común das administracións públicas. 


As axudas á escolarización están dirixidas aos menores de idade que residan en Ferrol matriculados nun centro de ensino do municipio para cursar educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato, formación profesional básica ou formación profesional de grao medio. A contía da axuda ascende a 95 euros por neno para a adquisición de material escolar, incluído o informático, ou roupa deportiva. Con elo, “buscamos dar resposta ás necesidades escolares do alumnado cuxas familias manifesten estar a ter dificultades económicas que lles impidan facer fronte aos gastos do inicio dun novo curso”, explicou a edil Martínez Montero. O orzamento destinado a estas axudas ascende a 90.000 euros.

Un incremento de 7.000 euros 
No anterior ano académico a concellería de Benestar Social destinou 83.000 euros a estas axudas á escolarización, das que se beneficiaron 848 familias, polo que sobraron un total de 25. Nesta ocasión, o Concello de Ferrol aumenta a partida e destina 90.000 euros, o que supón un incremento de 7.000 euros respecto ao anterior curso a pesar de que dita liña de axudas non se esgotou. “Entendemos que a nova situación xerada pola crise sanitaria da covid-19 incrementará a demanda”, explicou a concelleira. 

En canto ás axudas para comedor para o próximo curso, o orzamento destinado a estas becas, que cobren a totalidade do custe das comidas dos escolares, é de 280.000 euros, 12.000 euros máis que no anterior curso académico. 

Os interesados poden consultar as bases no Taboleiro de Anuncios do Concello de Ferrol, na dirección web https://www.ferrol.gal/Sede/TaboleiroAnuncios. 





Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar