Novas

martes, 16 de xuño de 2020

Concello e asociacións de taxistas acordan que a antiga parada da praza de Armas se desplace ao cruce das rúas Terra e Sol

Durante a reunión que hoxe mantiveron os concelleiros de Mobilidade e de Tráfico e os presidentes dos dous colectivos do sector tamén se avanzou na conversión de Almendra nunha vía de dobre sentido de circulación para facilitar o acceso dos vehículos deste servizo público ao centro da cidade


Concello e asociacións de taxistas acordan que a antiga parada da praza de Armas se desplace ao cruce das rúas Terra e Sol

A antiga parada de taxis da praza de Armas trasladarase definitivamente ao cruce das rúas Terra e Sol. Así o acordaron os concelleiros de Mobilidade, Julián Reina, e de Tráfico, Germán Costoya, esta mañá cos presidentes dos dous colectivos do sector. Logo da experiencia dos profesionais durante os últimos meses, co emprazamento da súa parada no final de Terra mentres avanzaban os traballos en Armas, optouse como mellor alternativa o tramo comprendido entre os números 31 e 39, xusto antes da intersección con Sol en sentido baixada dende Canido. En total, serán sete prazas que se van sinalizar con marcas horizontais e verticais nos próximos días. Hoxe mesmo a zona xa se encontra valada para delimitar o espazo que ocuparán os taxis. Do mesmo xeito, na praza colocarase un sinal que indique aos usuarios onde se atopa a parada. 


O encontro tamén serviu para pechar unha demanda que tanto Radio Taxi coma Tele Taxi lles fixeron chegar aos edís en conversas mantidas recentemente. Trátase da conversión da rúa Almendra nunha vía de dobre sentido para facilitar o acceso dos vehículos de servizo público ao centro da cidade. Esta proposta, que o goberno local acolleu con interese dende o principio, foi estudada por técnicos municipais e agora, comprobada a súa viabilidade, vaise materializar para dar resposta á solicitude do colectivo do taxi. 

Con esta nova situación, os taxis non terán necesidade de circular por ningunha zona peonil para situarse na parada. Si poderán internarse nas vías que estean pechadas ao tráfico no caso de que teñan que realizar servizos nelas, do xeito que xa viña sendo habitual, como pode ser trasladar a persoas maiores ou con mobilidade reducida a áreas reservadas a viandantes. Reina e Costoya destacaron tras o encontro a boa disposición dos taxistas á hora de acordar solucións para adaptarse á peonalización do entorno de Armas, polo que lles trasladaron o seu agradecemento. Ambos insistiron na súa disposición a atender ás demandas que poidan xurdir entre o colectivo e no seu compromiso permanente en canto ao diálogo co sector para mellorar o servizo e a mobilidade na cidade.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar