Novas

mércores, 17 de xuño de 2020

Os concelleiros de Obras e de Deportes revisaron a reparación da cuberta do pavillón de Santa Mariña

Ana Lamas e Antonio Golpe visitaron o recinto, onde tamén se substituíron as vellas portas de acceso por unhas novas


Os concelleiros de Obras e de Deportes revisaron a reparación da cuberta do pavillón de Santa Mariña

 A concelleira de Obras, Ana Lamas, e o de Deportes, Antonio Golpe, visitaron o pavillón de Santa Mariña, onde no último mes se levaron a cabo traballos de substitución de elementos danados da cuberta e reparación de desperfectos que permitían o paso da auga. A instalación deportiva levaba anos sen someterse a mantemento, o que provocou abundantes filtracións de auga durante o pasado inverno. Por ese motivo, o Concello contratou, entre outras melloras, a reparación do teito, unha actuación que se iniciou a principios de maio e que acaba de concluír. 


A obra tivo un custe de 33.867,90 euros e consistiu na colocación de novas pranchas de policarbonato na cuberta, pero tamén na fachada norte, e na instalación dun novo cumio. Ademais, revisáronse a totalidade dos parafusos que unen as partes do teito e cambiáronse os que estaban deteriorados, limpouse toda a superficie e desatascáronse canles e baixantes, parte das cales foron substituídas por estar deterioradas. As pranchas de aceiro que presentaban furados foron reparadas. 

A posta en marcha destes traballos foi aproveitada para cubrir outras necesidades da instalación, a maiores das referidas á correcta impermeabilización. Así, foron renovadas as portas, que agora son de tipo antivandálico e contan con dispositivos antipánico, e dotouse ao polideportivo de extintores e carteis indicativos da situación destes elementos contraincendios. 

Durante a súa visita, os responsables da obra explicáronlles aos edís os detalles da intervención, unha demanda dos veciños e dos usuarios habituais que viña de tempo atrás e que se decidiu abordar pasado o inverno, en canto as condicións meteorolóxicas o permitiran. Tanto Lamas coma Golpe avanzaron a intención do goberno local de seguir acometendo melloras nas instalacións deportivas municipais e realizar un mentemento periódico para evitar o seu deterioro. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar