Novas

xoves, 18 de xuño de 2020

Os Bombeiros de Ferrol realizaron 820 desinfeccións durante o estado de alarma

O concelleiro de Seguridade, Germán Costoya, alabou o labor desenvolvido polo corpo, que desde o 28 de marzo hixienizou a diario centros hospitalarios, ambulatorios, residencias de maiores, os mercados municipais e prazas, entre outros espazos


Os Bombeiros de Ferrol realizaron 820 desinfeccións durante o estado de alarma

O Corpo de Bombeiros de Ferrol realizou durante o tempo que durou o estado de alarma un total de 820 desinfeccións en diferentes espazos da cidade, segundo os datos aportados polo concelleiro de Seguridade, Germán Costoya. Foi pouco despois do decreto do estado de alarma, o 14 de marzo, cando o corpo se sumou aos labores de desinfección que xa levaba a cabo o servizo municipal de limpeza da concellería de Servizos, da que é titular Ana Lamas. 


Así, desde o 28 de marzo ata o 15 de xuño unha cuadrilla formada por tres efectivos dotados con equipos de protección individual e un camión bomba pulverizou a diario, de luns a domingo, os accesos a distintos edificios da cidade con solucións desinfectantes. No mes de marzo e abril sumaron 383, en maio outras 374 e en xuño, ata a finalización do estado de alarma, fixéronse un total de 63 intervencións. Por espazos, os ambulatorios de Praza de España, Serantes e Caranza foron desinfectados en máis de 30 ocasións cada un, ao igual que o Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) e o Centro de Atención a Persoas con Discapacidade Física (CAMF). 

Un total de 30 veces acudiron a Souto de Leixa; 28 aos xulgados e á residencia de maiores Mi Casa; 27 tanto ao Hospital Naval como ao Novoa Santos, ao Hospital Juan Cardona e ao albergue Pardo de Atín; realizaron 24 desinfeccións na fachada do pazo municipal e do edificio dos servizos sociais municipais; 23 na residencia da avenida de Esteiro; 22 no acceso á Policía Nacional; 21 no cuartel da Policía Local e no parque de Bombeiros; 20 no tanatorio de Leixa; outras 19 desinfeccións no do polígono da Gándara; 18 na fachada da Cocina Económica e na Praza de España; 17 intervencións de hixienización nos exteriores da residencia de Caranza; 15 actuacións na parada de autobús de Correos, outras tantas na fachada do edificio e 11 en cada un dos tres mercados da cidade. Outros espazos, como o cemiterio, ou os acceso a Cáritas, Asfedro, e o albergue provisional da Casa do Mar, entre outros, tamén foron desinfectados polo corpo de Bombeiros de Ferrol. 

Todos os medios para frear a expansión da covid-19 
O concelleiro de Seguridade, Germán Costoya, encomiou a “extraordinaria” labor do corpo de Bombeiros de Ferrol, cuxo obxectivo foi combater a posibilidade de contaxios e a propagación da covid-19 entre os usuarios destas instalacións, que por prestar servicios esenciais permaneceron abertos. O Concello, dixo, puxo “todos os medios posibles para frear a pandemia e protexer aos veciños de Ferrol”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar