Novas

venres, 19 de xuño de 2020

O plan de mantemento e reparacións nas praias continúa coa instalación de pasarelas en Caranza

Os labores de roza nos accesos aos areais ferroláns seguiron esta mañá nas inmediacións do de Doniños. Desde comezos de semana tamén se colocaron carteis informativos, duchas, papeleiras e contedores


O plan de mantemento e reparacións nas praias continúa coa instalación de pasarelas en Caranza

O Concello de Ferrol, a través da concellería de Medio Ambiente, que dirixe Ana Lamas, continúa co o plan de mantemento e reparación de varandas, pasarelas e instalacións das praias do municipio para poñelas a punto de cara á tempada estival. A comezos de mes a edil anunciaba que o Concello poñería en marcha un programa de intervencións para “solucionar danos causados tanto polos temporais como por actos vandálicos” coa intención de que os areais “estean en perfecto estado de cara ao verán”, tarefas que se veñen desenvolvendo dende o pasado luns. 


Polo momento xa se rozaron os accesos ás praias de Santa Comba, O Vilar, A Graña, Esmelle, San Xurxo, Penencia, Fragata, San Felipe, Caranza e Doniños. Colocáronse novos carteis informativos en outras tantas, como San Felipe, Santa Comba, Ponzos, Fragata, Esmelle, San Xurxo, Cariño, O Vilar, Penencia, Doniños, Caranza e a Graña e instaláronse duchas en Cariño e San Felipe. Tamén se distribuíron papeleiras de 120 litros en Ponzos e contedores de residuos sólidos urbanos en Doniños, Esmelle, San Xurxo, Penencia, Ponzos, Sartaña e O Vilar, entre moitas outras. Ademais, esta semana colocáronse contedores de vidro, papel e pilas en San Xurxo, Esmelle e Fragata. Retirouse tamén a area das ramplas de entrada ás praias de Esmelle e O Vilar. 

Desde primeiras horas desta mañá os operarios continuaron cos labores de roza no acceso á praia de Doniños, onde xa traballaron ao longo da mañá de onte. Tamén hoxe montaron as pasarelas de madeira no areal do barrio de Caranza.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar