Novas

venres, 19 de xuño de 2020

O Concello adxudica o aparcamento do hospital por 241.000 euros

Esta actuación creará 123 prazas de estacionamento e o prazo de execución dos traballos é de catro meses


O Concello adxudicou hoxe a construción do aparcadoiro disuasorio do CHUF, unha obra que comezará nas próximas semanas (o prazo de inicio é dun mes a partir da formalización da acta de replanteo) e que conta cun período de execución de catro meses. O importe ascende a 241.300 euros (IVE incluído) e a empresa adxudicataria é Construcciones Cernadas. 


O novo párking municipal terá acceso pola rúa Doadores de Sangue e dará servizo a unha area na que hai especial demanda de estacionamento, por atoparse nas inmediacións o Arquitecto Marcide, o CAMF e o IES Leixa, entre outras instalacións con alta afluencia de persoas. Ocupará unha extensión de 4.220 metros cadrados na que se habilitarán 123 prazas de grandes dimensións, pensadas para a comodidade incluso de persoas que teñan mobilidade reducida. Entre elas haberá paseos peonís para facilitar un acceso seguro aos vehículos. 

Cinco anos de garantía e incorporación de ao menos unha muller
Entre as melloras que ofreceu a empresa que obtivo o contrato cóntase un incremento de catro anos no período de garantía (no prego de condicións establecíase un mínimo de un), co que se elevará a cinco. Do mesmo xeito, entre as condicións especiais de execución consta a contratación dun mínimo dunha muller, coa finalidade de favorecer a participación feminina no mercado laboral e a conciliación do traballo e a vida familiar. 

A sesión da Mesa de Contratación Permanente celebrada esta mañá abordou, ademais do derradeiro trámite do expediente do aparcadoiro do hospital, a adxudicación da renovación da rede de pluviais entre os números 23 e 29 da praza de España (Recimil). A empresa que se encargará de levar a cabo os traballos é CYS Hispania, que disporá dun prazo de execución de catro meses a partir da firma da acta de replanteo. O importe ascende a 139.755 euros (IVE incluído). 

Unha das melloras técnicas que ofreceu a adxudicataria foi o emprego dun vehículo eléctrico para o traslado de persoal técnico á obra e de outro tamén eléctrico para transportar os materiais. Ademais, entre as condicións especiais de execución figura que durante os tres primeiros meses das obras un mínimo de tres traballadores deberán recibir, cando menos, 15 horas de formación en materia de seguridade e saúde no traballo.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar