Novas

sábado, 20 de xuño de 2020

O novo contrato do servizo de axuda no fogar será sometido ao pleno en xullo

Trátase dun dos maiores que xestiona o Concello, xa que se vai licitar por 5,5 millóns de euros e contempla unha vixencia de ata catro anualidades, co que sumaría ata 22 millóns


O novo contrato do servizo de axuda no fogar será sometido ao pleno en xullo

O futuro contrato do servizo de axuda no fogar do Concello de Ferrol deu esta semana un novo paso de cara á súa pronta licitación. Onte remitiuse ao departamento de Contratación o último dos informes preceptivos antes de que poida ser sometido á aprobación do pleno. Previamente, como paso intermedio, deberá ser ditaminado polos grupos políticos na correspondente comisión informativa. 


A elaboración do prego técnico foi unha das principais prioridades da concellería de Benestar Social ao longo dos primeiros meses do presente mandato, xa que foi necesario inicialo de cero. Nada máis asumir a competencia, a concelleira Eva Martínez Montero puxo en marcha a redacción do documento e, en paralelo, mantivo permanentes contactos con traballadores e empresas para telos informados dos pasos que se ían dar. Entre tanto, foi necesario formalizar unha prórroga do segundo lote do contrato en vigor, aprobada polo pleno da corporación o 26 de setembro do ano pasado. 

O mencionado prego técnico rematouse a finais do pasado febreiro, despois de que na reunión da Comisión Informativa de Benestar Social, Igualdade, Muller, Xuventude e Patrimonio Histórico celebrada o día 13 dese mes se lles presentase aos grupos políticos municipais un borrador para que puidesen facer as súas achegas. Segundo explicou Martínez Montero, a aquel documento incorporáronse máis do 50 % das propostas trasladadas pola oposición. Así, o 26 de febreiro remitíuselle ao departamento de Contratación para a súa revisión técnica e xurídica. En coordinación cos servizos xurídicos e técnicos do Concello, durante os últimos meses fóronse cumprindo todos os trámites necesarios, co fin de contar con todos os informes que son preceptivos antes de poder someter o expediente á aprobación do pleno. 

Trátase dun contrato que, en palabras da concelleira, é “ambicioso” e “moi competitivo”. Ademais, vai “mellorar substancialmente o actual do servizo”. Isto débese, por unha banda, a que se presentará nun só lote co obxectivo de “optimizar recursos”. Por outra, a que o prezo de licitación alcanzará os 5,5 millóns de euros, cun incremento de 2,6 sobre o que se estaba destinando ata agora a este servizo. 

Esta é a primeira vez que se vai revisar dende o ano 2014. Agora, a partir da súa adxudicación, permitirá atender a un mínimo de 87 usuarios máis.





Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar