Novas

sábado, 20 de xuño de 2020

O Concello activa o plan “Ferrol Cidade Viva”, con formación, asesoramento personalizado e unha gran promoción do comercio local

A concelleira María Teresa Deus vén de presentar aos emprendedores as liñas principais do programa, que busca “dinamizar” o sector tras a crise xerada pola civid-19. O alcalde, Ángel Mato, trasladou aos participantes que “unha cidade está viva cando os seus negocios tamén o están”, e animounos a “perder medo aos cambios”


O Concello activa o plan “Ferrol Cidade Viva”, con formación, asesoramento personalizado e unha gran promoción do comercio local

A concelleira de Economía, Facenda e Patrimonio, Recursos Humanos, Emprego, Promoción Económica, Turismo, Estatística e Edusi, María Teresa Deus, vén de presentar aos emprendedores da cidade as liñas do programa “Ferrol Cidade Viva”, deseñado polo Concello de Ferrol co fin de dinamizar o sector do comercio e da hostalería tras a crise xerada pola covid-19. O pasado xoves, e de forma telemática, a edil deu a coñecer o plan, unha iniciativa impulsada polo seu departamento e que pretende ofrecer ferramentas que potencien a “sustentabilidade dos negocios ao tempo que reactivar a actividade económica da nosa cidade”, explicou durante a presentación. O goberno local, dixo, fai unha “firme aposta polo comercio de proximidade”, e co deseño do programa “Ferrol Cidade Viva” o Concello busca “xerar valor engadido” aos negocios e “apoiar aos emprendedores na súa adaptación á nova situación”. 


O novo plan inclúe nove sesións formativas que se impartirán martes e xoves desde o 30 de xuño ata o 15 de xullo e que os participantes poderán seleccionar entre ao redor de 12 en función das súas necesidades e intereses. De forma paralela recibirán asesoramento personalizado “co fin de potenciar os aspectos que sexan máis relevantes para eles. Queremos axudarlles a obter o máximo rendemento dos seus negocios, e para elo terán acompañamento individualizado”, explicou a concelleira de Promoción Económica.

No mes de setembro continuarase coa formación e asesoramento e poñerse en marcha a terceira liña do programa, unha “ambiciosa promoción do noso comercio local co obxectivo de incentivar as compras e captar clientes”. Para elo hai programadas fórmulas como sorteos, descontos, premios directos e incentivarase especialmente as ventas cruzadas. 

“Ferrol Cidade Viva” tamén coas ferramentas dixitais 
O programa co que o Concello pretender darlle impulso ao comercio local no deixa de lado os recursos dixitais. Na posta en marcha da gran promoción dos negocios da cidade contarase cunha aplicación que terá dobre uso: os emprendedores poderán coñecer mellor aos seus clientes e estes contarán cunha ferramenta na que consultar descontos dos establecementos, sorteos, premios, incentivos ás ventas cruzadas e incluso os puntos acumulados para beneficiarse de promocións co fin de incentivar o consumo. O cliente poderá acceder a ela a través dun código QR que estará exposto nos establecementos. Neste punto, a concelleira María Teresa Deus explicou que “todo este proceso será moi sinxelo, ese é o noso obxectivo, facer a campaña o máis accesible posible”.

Captación porta a porta 
O plan posto en marcha polo Concello inicia a súa primeira acción o próximo luns, 22 de xuño, coa captación de emprendedores locais a través de chamadas telefónicas aos establecementos. “A nosa vontade”, explicou Deus, “é involucrar ao máximo número de negocios, queremos que este programa sexa o máis participativo posible para obter os mellores resultados para a cidade”. Nesta liña, a concelleira trasladou que o seu departamento “escoitará todas e cada unha das propostas que cheguen dos comerciantes e hostaleiros, é fundamental contar coas súas impresións e xa estamos estudando diferentes suxerencias”. Os comerciantes interesados en sumarse a este proxecto aínda poden enviar un correo electrónico a emprego@ferrol.es e os responsables do plan poñeranse en contacto con eles. O programa “Ferrol Cidade Viva” inclúe tamén unha “intensa” campaña de comunicación co fin de “sensibilizar aos veciños da comarca da importancia de apoiar o comercio e a hostalería de proximidade”. 

A concelleira lembrou aos emprendedores que o Concello vai a apoiar ao sector “na súa adaptación á nova situación” xerada pola crise sanitaria pola covid-19. O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, trasladou aos participantes na presentación do plan que “unha cidade está viva cando os seus negocios tamén o están”, e aproveitou a ocasión para animarlles a “perder un pouco o medo aos cambios no sector”. 











Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar