Novas

sábado, 20 de xuño de 2020

O Concello continúa a posta a punto das praias coa colocación de papeleiras e contedores

O plan de mantemento e reparación dos areais do municipio comezou o pasado luns con labores de roza nos accesos e a instalación de novos carteis informativos e duchas


O Concello continúa a posta a punto das praias coa colocación de papeleiras e contedores

O Concello de Ferrol, a través da concellería de Medio Ambiente, que dirixe Ana Lamas, continúa co o plan de mantemento e reparación de varandas, pasarelas e instalacións das praias do municipio posto en marcha a comezos de semana co fin de poñelas a punto de cara á tempada estival. No día de onte, venres, operarios municipais procederon á colocación de numerosas papeleiras de 120 litros nos areais de Sartaña, Santa Comba, Ponzos e O Vilar, entre outras. Ao longo da semana tamén distribuíronse contedores de bolsa amarela e de residuos sólidos urbanos en outras tantas, como é o caso de Doniños, Esmelle, San Xurxo, Penencia, Ponzos, Sartaña e O Vilar. 


O programa de intervencións continuará a próxima semana. Polo momento xa se rozaron os accesos ás praias de Santa Comba, O Vilar, A Graña, Esmelle, San Xurxo, Penencia, Fragata, San Felipe, Caranza e Doniños. Colocáronse novos carteis informativos en San Felipe, Santa Comba, Ponzos, Fragata, Esmelle, San Xurxo, Cariño, O Vilar, Penencia, Doniños, Caranza e a Graña e instaláronse duchas en Cariño e San Felipe. 

Ana Lamas anunciaba a comezos de mes que o Concello poñería en marcha un programa de intervencións para “solucionar danos causados tanto polos temporais como por actos vandálicos” coa intención de que os areais “estean en perfecto estado de cara ao verán”, tarefas que se veñen desenvolvendo dende o pasado luns.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar