Novas

luns, 22 de xuño de 2020

O Concello iniciou hoxe a captación telefónica de emprendedores para formar parte de “Ferrol Cidade Viva”

É a primeira acción dun proxecto deseñado pola concellería de Promoción Económica que busca “dinamizar” o comercio e a hostaleira e “reactivar a economía”, explica María Teresa Deus


O Concello de Ferrol iniciou esta mañá a campaña de captación telefónica de emprendedores para formar parte no proxecto “Ferrol Cidade Viva”, o plan que o goberno local vén de activar co fin de “dinamizar” o comercio e a hostaleira do municipio e deste modo “activar a economía”, segundo explicou a concelleira de Economía, Facenda e Patrimonio, Recursos Humanos, Emprego, Promoción Económica, Turismo, Estatística e Edusi, María Teresa Deus. O pasado xoves a edil presentou o proxecto aos emprendedores e trasladoulles a importancia de involucrar ao maior número de establecementos. “Queremos que este programa sexa o máis participativo posible para obter os mellores resultados para a cidade”, dixo. 


Formación martes e xoves 
Responsables do programa “Ferrol Cidade Viva” dedicarán esta semana a contactar telefonicamente con responsables dos negocios e o día 30 de xuño dará comezo a fase formativa. O novo plan inclúe nove sesións de entre 12 propostas que se impartirán martes e xoves ata o 15 de xullo. Os participantes poderán elixilas en función das súas necesidades e intereses. De forma paralela recibirán asesoramento personalizado “co fin de potenciar os aspectos que sexan máis relevantes para eles. Queremos axudarlles a obter o máximo rendemento dos seus negocios, e para elo terán acompañamento individualizado”, explicou a concelleira de Promoción Económica. 

No mes de setembro continuarase coa formación e asesoramento e poñerase en marcha a terceira liña do programa, unha “ambiciosa promoción do noso comercio local co obxectivo de incentivar as compras e captar clientes”. Para elo hai programadas fórmulas como sorteos, descontos, premios directos e ventas cruzadas a través dun código QR, entre outras ferramentas. 

Os comerciantes interesados en sumarse a este proxecto aínda poden enviar un correo electrónico a emprego@ferrol.es e os responsables do plan poñeranse en contacto con eles.  

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar