Novas

luns, 22 de xuño de 2020

A concelleira de Medio Ambiente, Ana Lamas, recolleu hoxe as catro bandeiras azuis concedidas ás praias de Ferrol

Os distintivos de calidade que exhibirán este verán Doniños, Esmelle, San Xurxo e A Fragata foron entregados en Laxe


A concelleira de Medio Ambiente, Ana Lamas, recolleu hoxe as catro bandeiras azuis concedidas ás praias de Ferrol

A concelleira de Servizos, Obras, Medio Ambiente, Zona Rural e Participación Cidadá, Ana Lamas, representou esta mañá ao Concello de Ferrol na entrega e bandeiras azuis, unha cerimonia que se celebrou este ano en Laxe. Lamas recibiu de mans da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, os distintivos de calidade que nos próximos días comezarán a exhibir os areais de Doniños, Esmelle, San Xurxo e A Fragata. 


A edil mostrou a súa satisfacción por que a costa ferrolá goce de novo de catro bandeiras azuis que certifican a calidade das augas e dos servizos que ofrecen os seus areais, unha das xoias naturais do municipio. 

Para que todo estea listo de cara a tempada que comeza estes días, o Concello iniciou a pasada semana un plan de mantemento e reparación das praias, que inclúe labores de roza, colocación de carteis informativos, duchas, pasarelas de madeira e instalación. Desde primeiras horas desta mañá os operarios continuaron cos labores e colocáronse as casetas para socorristas na Graña e Caranza e nas próximas horas está previsto que en Esmelle, Santa Comba e Ponzos. Mañá sería a quenda de Doniños, co que se completaría este traballo. Ao longo da mañá instaláronse duchas en Caranza, Santa Comba e Ponzos e as pasarelas de madeira en Esmelle e Doniños. 

Tamén esta mañá, realizáronse as probas escritas aos socorristas que optan á praza de coordinador de praias e ás sete de coordinador de caseta. Presentáronse 14 dos 45 que superaron as probas físicas a semana pasada para converterse en socorristas do Concello de Ferrol durante esta tempada estival. Unha vez se resolva este proceso, está previsto que todos eles se incorporen ao servizo nos próximos días.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar