Novas

luns, 22 de xuño de 2020

O Concello abrirá os parques infantís o próximo mércores

A concelleira de Obras e Servizos, Ana Lamas, indicou que a apertura farase de forma progresiva e todos se someterán a un plan de limpeza e desinfección diaria para evitar contaxios. Cada un dos espazos terá un cartel informativo no que se incluirán indicacións sobre o aforo máximo permitido e recomendacións sobre as medidas de prevención


O Concello de Ferrol abrirá os parques infantís da cidade a partir de pasado mañá, mércores 24 de xuño, tal e como anunciou a concelleira de Obras e Servizos, Ana Lamas. A reapertura destes espazos farase de forma progresiva, xa que nalgúns deles estanse realizando traballos de mantemento, e nalgúns casos aínda se van prolongar durante máis tempo. Deste xeito, os usuarios, antes de acceder aos recintos, deberán agardar a que sexan retirados os precintos por parte do persoal municipal. 


Todos os parques infantís, os biosaudables destinados a persoas maiores e os de uso público ao aire libre van a someterse a un plan de limpeza e desinfección diaria das áreas de contacto das zonas comúns, como xogos para nenos, aparatos de actividade física ou outro mobiliario urbano de uso compartido. Esto garantirase a través dun contrato de emerxencia que vén de asinar o Concello cunha empresa especializada para dar cumprimento á normativa autonómica que regula o emprego deste tipo de instalacións durante a “nova normalidade”. 

O Concello iniciou a comezos da pasada semana a desinfección en profundidade que tiña prevista de cara á finalización do estado de alarma e que daba continuidade ás hixienizacións que se levaron a cabo durante o confinamento. Agora, e de forma diaria, o departamento que dirixe Ana Lamas poñerá en marcha un novo plan de desinfección diaria unha vez comece pasado mañá a apertura progresiva dos parques, coincidindo coa festividade de San Xoán.

Indicacións sobre o aforo máximo de cada un deles 
Ademais dos labores de desinfección, o Concello vai a colocar en cada un dos parques da cidade un cartel informativo no que se indicará o aforo máximo permitido segundo o establecido pola Consellería de Sanidade e as medidas indicadas polas autoridades competentes en materia sanitaria para o mantemento das distancias de seguridade e o uso das medidas de protección física, como as máscaras recomendadas a partir dos 3 anos de idade e obrigatorias desde os 6. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar